O Coruxo prescinde do pontevedrés Rafa Sáez no momento decisivo da tempada
Por Redacción
Un dos equipos implicados xunto ao Pontevedra na pelexa por salvar a categoría, o Coruxo, deu un golpe de temón cando faltan só dúas xornadas para o final da competición regular.
O conxunto vigués decidiu prescindir de Rafa Sáez como máximo responsable do primeiro plantel, segundo anunciou oficialmente este martes.
O Coruxo, actualmente en posto de play-out cun punto menos na táboa que os granates, busca así un revulsivo, aínda que asegura que se trata dunha substitución acordada e nunca dunha destitución "xa que Rafa Sáez é unha persoa de club, con todo o que iso significa", explica nun comunicado.
O técnico pontevedrés adestraba aos do Vao desde o ano 2013, conseguindo sempre ata o de agora o obxectivo da permanencia na división de bronce do fútbol nacional.
O seu substituto nas dúas últimas xornadas, ante o Fuenlabrada na casa e o San Sebastián de los Reyes a domicilio, será o ata agora segundo adestrador, Jacobo Montes.