O piloto andorrano Albert Llovera apadriña o segundo RallyMix Cuntis Vila Termal
Por Redacción
Cuntis conta as horas para a que será a segunda edición do RallyMix Cuntis Vila Termal, proba que reunirá a máis de medio cento de pilotos o sábado 3 e o domingo 4 de marzo.
Baixo a organización da Escudería Cuntis Vila Termal, a proba espera unha gran afluencia de público ao percorrido habilitado de 15 quilómetros e 700 metros pola zona de Guimarei, Soutelo, A Igrexa, Toucedo, Belai, Toxeira, Vilariño, Noval, Calvos e Bragraña, cun tramo cronometrado de 12,8 quilómetros dos cales o 30% trasncurrirán por pistas de terra e o resto por asfalto.
Espectáculo asegurado nun rally que contará con 57 pilotos e que prevé adestramentos e mangas oficiais o sábado desde as 12:30 horas e o domingo desde as 9:00 horas.
Entre os participantes atópanse, entre outros, o piloto local e vixente campión José Miguel Martínez Barreiro 'Bamarti', o campión autonómico da especialidade Abel Jurado, Óscar Añón ou J.A. Gay.
O II RallyMix Vila Termal está ademais apadriñado polo piloto andorrano Albert Llovera, un exemplo de superación que conseguiu concluír no Top-20 do Dakar a pesar da lesión medular que lle mantén nunha cadeira de rodas desde os 19 anos, cando era un esquiador de elite.
Llovera compartirá as súas vivencias e a súa vitalidade en dúas conferencias, a primeira este venres 2 de marzo (12:00 horas) aos escolares do CPI Aurelio Marcelino Rey García e a segunda, aberta ao público, o sábado no Centro Cultural Xosé Raído 'Patelas' ás 21:30 horas cunha entrada simbólica en forma de alimentos non perecedoiros en favir do banco de alimentos de Cáritas.
"Por muchos inconvenientes que surjan a lo largo de la vida, lo más importante es luchar y seguir adelante, siempre con el apoyo de un entorno favorable, como en mi caso fue tener una gran familia y amigos por detrás. Los amigos de verdad son los que están a tu lado y te ayudan cuando lo necesitas", sinalou o piloto como anticipo destas charlas.
Na presentación da programación do II RallyMix de Cuntis participaron ademais o alcalde, Manuel Campos, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a concelleira de Deportes, Conchi Campos, a vicepresidenta da Escuadra Cuntis Vila Termal, Mercedes Pazos, e Vanesa Fuentes como representante do balneario.
Para quentar motores, a Escudería Cuntis Vila Termal elaborou ademais un vídeo promocional do evento, co veterano Pepe Mieres como protagonista e a que será este ano o seu axudante como copiloto, a concelleira Conchi Campos.