Unha praga de lesións que parece non ter fin
Por Diego Espiño
O Condes de Albarei Teucro está condenado esta tempada para convivir coas lesións, que lle impediron contar co plantel ao completo en ningunha das xornadas disputadas ata a data na Liga Asobal.
O último en caer foi o capitán Carlos García, ausente do choque do pasado sábado ante o Zamora e ao que se lle puido ver no Municipal axudado de muletas. A causa está nunha nova doenza no seu pé dereito.
Se nos últimos encontros do ano causou baixa por precaución debido a unha pequena escordadura, o extremo está pendente agora dunha resonancia magnética que determine o alcance exacto da lesión que se produciu durante a preparación do seu equipo para a segunda volta, aínda que se sospeita que poida sufrir unha fisura, o que lle mantería afastado das pistas preto dun mes.
A tempada comezou para o cadro azul coa ausencia de Jonnhy Medina, lesionado de gravidade no tramo final do pasado curso e que non puido regresar ao equipo ata o pasado sábado, no primeiro partido oficial de 2018. Despois chegaría o inicio do calvario de Óscar Silva co seu ombreiro. O lateral afronta ao fin o tramo final da súa convalecencia, pero apenas puido sumar esta campaña ao caer lesionado no primeiro encontro de liga do seu equipo no Municipal.
Tras este contratempo e pequenos problemas habituais da competición, a seguinte incidencia de gravidade foi a de Colasuonno, danado de gravidade na súa man fóra das pistas e que terminou rescindindo o seu contrato co club pontevedrés, e tamén caeu José Manuel Rial cunha importante lesión de xeonllo que lle manterá K.O durante os próximos meses.
Outro que deu o susto foi Juan Quintas no último partido de 2017, en Copa ante o Benidorm, ao retirarse lesionado con importantes xestos de dor. O seu quedou nunha escordadura que recuperou sen problemas ata que nun partido coa Selección Galega sufriu un novo golpe na zona. Por fortuna puido chegar a tempo para o regreso da Liga Asobal.
ATA QUIQUE DOMÍNGUEZ É VÍTIMA DAS LESIÓNS
O mal fario do Teucro coas lesións afectou mesmo ao adestrador do primeiro equipo, Quique Domínguez, quen se recupera dunha rotura muscular de consideración nun xemelgo que se produciu no transcurso dun partido de pádel. A doenza provocou que o técnico apenas puidese estar en pé durante o choque ante o Zamora, aínda que a tensión e a importancia do encontro fixo que se 'esquecese' da dor para dar instrucións aos seus a pé de pista.
Relacionadas:
-
O balonmán pide paso en pleno entroido coa visita do Anaitasuna ao Municipal
Por Diego Espiño |
-
Puntazo dun enorme Teucro en Guadalaxara (33-33)
Por Redacción |
-
Guadalaxara, complicada pista para buscar a primeira vitoria a domicilio do Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro apontoa o seu proxecto de canteira cun acordo co San Narciso de Marín
Por Redacción |
-
Emocionante vitoria do Teucro ante o Zamora que achega a permanencia (23-22)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Homenaxe do Teucro aos campións de Europa de balonmán
Por Redacción |
-
José Manuel Rial, K.O. para toda a tempada
Por Redacción |