Enfermaría baleira e ilusións cheas para a final do Pontevedra en Dorneda
Por Ramiro Espiño
Cinco partidos por diante. Cinco finais máis por disputar para un Pontevedra que busca recortar diferenzas con Deportivo B e Compostela, apurando as súas opcións para meterse entre os catro primeiros e disputar o play-off de ascenso. Cada semana os granates teñen un novo reto nun calendario complicado, quizais o que máis de entre os aspirantes aos postos de honra e nesta ocasión xogarán ademais coa circunstancia de saber de antemán o que fixeron os seus rivais. Vantaxe ou inconveniente?. Presión ou motivación?.
O que está claro é que ao Pontevedra non lle serve outra cousa que a vitoria. Nun escenario complicado polas súas reducidas dimensións. O campo máis pequeno de todas as categorías nacionais do fúbol español. O Eugenio Pardo Conchado "O Condús" é unha verdadeira rateira, na que só vale a intensidade e a concentración durante os 90 minutos. Calquera despiste, o máis mínimo erro, pódeche custar o partido, e o rival correspondente non está para concesións, xa que se xoga a tranquilidade ou a posibilidade de ver seriamente comprometida a súa permanencia na categoría.
Dorneda e Pontevedra disputan en Oleiros, o domingo, ás 19:15 horas, con arbitraxe do colexiado lucense Borja Bilbao Vizcaíno, un deses partidos nos que, por enriba do fútbol, só serve o resultado. Milo Abelleira sábeo, e por iso intentou escoller os xogadores que viu en mellor momento, ou cuxas características se adaptan mellor ás circunstancias do choque e do escenario.
Polo de pronto, ao igual que fixese o xoves, o técnico pontevedrés levouse aos seus xogadores na matinal do sábado ata o campo da Escola Naval Militar, en Marín, de parecidas dimensións a "O Condús". Alí a mellor sorpresa foi que tanto Santi Domínguez coma Stefan, que o xoves tiveran que acudir á visita do médico, se presentaron en boas condicións e adestraron con normalidade, sen acusar molestias un do seu xeonllo e o outro dos problemas intestinais que lle afectaban.
Por primeira vez en moitos meses, a enfermaría granate quedou sen inquilinos e Milo pode dispoñer de todos os seus homes
Logo, Caco, Fran Fandiño, Richi e Sestelo, aínda que lles falta algo de ritmo, tamén se mostraron listos. Iso significa que, por primeira vez en moitos meses, a enfermaría granate quedou sen inquilinos e que o técnico pode dispoñer de todos os seus homes para un partido.
Así as cousas, ao comprobar a lista de convocados encontrámonos que, por decisión técnica, Iago Paz e Moisés, ademais de Nano, quedaron fóra, mentres que Javi Pazos, Buba e Pacheco reforzarán ao filial no seu intento por asegurar a permanencia. Estas decisións o adestrador xustifícaas en razón a que, se ben Richi, Sestelo, Fran Fandiño ou Caco non están aínda para 90 minutos, os ve en mellor momento para un campo como o que se van encontrar, ademais de, no caso de Sestelo, aproveitarse das súas condicións no xogo aéreo, fundamental neste tipo de escenarios.
Deste modo todo apunta a que Milo repetirá o mesmo once inicial que veu xogando nas últimas semanas, formado por: Lloves; Cristóbal Juncal, Yago Vázquez, Pablo, Adrián; Tubo, Emilio, Jacobo, David Pérez; Stefan e Santi Domínguez, quedando Lorenzo, Caco, Sestelo, Fran Fandiño e Richi para o banco.