Ilusións renovadas no Waterpolo Pontevedra ante o inicio da nova tempada
Por Redacción
O Club Waterpolo Pontevedra está listo para comezar unha nova tempada deportiva, na que participará con dez equipos nas oito categorías das ligas galegas.
A competición oficial arrincará o vindeiro sábado 7 de outubro, tras unha fin de semana de convivencia co Clube Naval Povoense portugués que serviu de pedra de toque para varios dos seus equipos.
A piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi escenario o sábado de encontros amigables, pola mañá, dos equipos absoluto feminino, infantil A e infantil B.
Xa pola tarde foi a quenda da xornada de convivencia co Povoense, na que se disputaron dous encontros na categoría cadete e outros dous amigables na categoría senior masculina.
En idade cadete o cadro luso gañou un dos partidos por 5-7 e outro rexistrou un empate a 12 goles. Pola súa banda nos amigables absolutos o Pontevedra viuse superado por un dos mellores equipos de Portugal e cedeu por 12-16 e 9-17.