O Sanxenxo mantén o ritmo en Preferente e o Marcón atáscase
Por Redacción
Terceira derrota consecutiva dun Marcón Atlético que non termina de arrincar na súa tempada de regreso á Preferente.
Os de Borja Burgos caeron goleados no campo do Atios (4-0) nun duelo que se terminou de decidir na segunda metade.
Os locais tomaron vantaxe aos 14 minutos, pero os pontevedreses tentaron reaccionar ata que á volta de vestiarios o Atios golpeou de novo con dous goles en dous minutos que sentenciaron.
Coa derrota o Marcón queda atascado nos postos de descenso, no posto 19 con 3 puntos.
Consulta a acta do Atios-Marcón Atlético.
O que mantén a súa velocidade de cruceiro é o Xuventú Sanxenxo, que superou con claridade a un Campo Lameiro (3-0) que encaixa así a súa primeira derrota do curso.
Foi un partido que se decidiu nunha gran primeira metade dos locais en Baltar de Arriba, que encarrilaron o choque en apenas cinco minutos, do 23 ao 28, con dous goles de Javi Nogueira, o segundo de penalti, e outro de Héctor.
Co triunfo o Sanxenxo mantense na segunda posición con 13 puntos, mentres o Campo Lameiro cae á cuarta con 10 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Campo Lameiro.
Salvou un punto de maneira case milagrosa o Unión Grove no campo do Erizana (3-3), remontado un partido que se puxo moi complicado.
Os locais foron superiores na primeira metade e marcharon cunha renda de dous goles ao descanso, facendo o terceiro nada máis comezar o segundo acto. Foi entón, contra todo prognóstico, cando reaccionou o equipo meco para terminar empatando nos últimos 20 minutos con dous goles de Diego Lorenzo e outro de César Fontán.
Co empate o Grove queda no posto 12 da táboa con 7 puntos.
Consulta a acta do Erizana-Unión Grove.
Noveno cun punto máis, 8, está un Beluso que encaixou a súa primeira derrota da tempada ao caer ao domicilio ante a UD Ourense (2-1).
Foi un choque no que tiveron as súas opcións, e de feito adiantáronse no marcador ao fío do descanso cun tanto de Manu Freire. Con todo nada máis iniciarse o segundo tempo o Ourense empatou para pouco despois tomar vantaxe no marcador e acabar facéndose co triunfo.