Pontevedra pasa o exame da Federación Internacional de Loita para o Europeo Junior de 2019
Por Diego Espiño
Ata o próximo mes de marzo non se coñecerá oficialmente a cidade que acollerá o Campionato de Europa Junior de Loitas Olímpicas de 2019, ao que aspira Pontevedra.
A cidade de Lérez, candidata oficial, compite con outras dúas localidades, de Moldavia e Polonia, ofertando "o modelo de cidade e a experiencia na celebración de campionatos internacionais" coa esperanza de convencer aos responsables da Federación Internacional de Loita, segundo explicou este luns o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
O rexedor pontevedrés compareceu en rolda de prensa tras a visita de Ana Rodica Yaksic, comisaria da Federación Internacional que coñeceu este luns os detalles da candidatura pontevedresa e as instalacións que ofrece, especialmente o Pavillón Municipal dos Deportes, que sería sede da competición.
Xunto a eles, os presidentes das federacións española e galega de loita, Francisco Javier Iglesias e José Luis Olazábal, escenificando a unión de forzas para que Pontevedra poida acoller este campionato en 2019.
Sen concretar a data na que se celebraría, si que se confirmou que "non sería en xullo ou agosto", sinalou Lores, polo que a oferta hostaleira da cidade e comarca sería suficiente para acoller aos preto de 800 loitadores previstos.
Ana Rodica Yaksic recoñeceu estar "impresionada" pola cidade na súa primeira visita, tanto que se por ela fose as posibilidades de que Pontevedra organice o Europeo serían "o 100%". En todo caso "Moldavia penso que é unha candidatura forte", sinalou a representante da Federación Internacional.
Para a elección será importante o informe que remita Yaksic para a reunión do comité internacional prevista para o próximo mes de agosto en París, aínda que despois haxa que esperar ata marzo de 2018 para coñecer o veredicto final.
En todo caso a confianza en poder organizar unha proba deste nivel é tanta que o alcalde xa recoñeceu que, de non lograr o campionato, "seguiremos insistindo" en próximos anos.
Relacionadas:
-
Sanxenxo, lugar de 'descanso activo' para o equipo ruso junior de loita olímpica
Por Redacción |
-
Conceden a Pontevedra a organización do Europeo Junior de Loitas Olímpicas de 2019
Por Diego Espiño |
-
Lydia Pérez, sen fortuna no Europeo Junior de Loitas Olímpicas
Por Redacción |
-
Pontevedra postúlase como candidata a acoller en 2019 o Europeo Junior de Loitas Olímpicas
Por Diego Espiño |