O Pontevedra, a confirmar as súas aspiracións ante o Coruxo
Por Diego Espiño
Despois de tres semanas sen gañar, o Pontevedra quere demostrar que vai en serio a pola praza que queda libre no play-off de ascenso a Segunda División.
Para iso os granates aférranse á súa fortaleza como locais para dobregar este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón a un Coruxo que se xoga no tramo final de liga un billete para a próxima edición da Copa do Rei.
Os de Luisito queren demostrar aos seus afeccionados que a derrota en Somozas foi só un accidente e achegarse de paso ao obxectivo, xa que un triunfo deixaría moi preto a cuarta posición.
Con esa intención traballaron durante toda a semana, na que dúas sesións de adestramento, a do xoves e a deste mesmo sábado, foron a porta pechada para incidir no aspecto táctico e estratéxico.
O Pontevedra contará coa única baixa de Portela. O resto de futbolistas foron convocados para o choque, polo que Luisito deberá realizar dous descartes.
Pola súa banda o Coruxo de Rafa Sáez chega a Pasarón nun momento delicado, ao sumar só 4 dos últimos 18 puntos posibles, e coa baixa do centrocampista Jorge Fernández por sanción.
O colexiado do encontro será Albert Avalos Martos, da delegación territorial catalá.