Positiva experiencia para os xogadores do Waterpolo Pontevedra nas seleccións galegas
Por Redacción
O paso adiante que aos poucos vai dando o waterpolo galego demóstrase con resultados como os logrados polas seleccións autonómicas infantís no recente Campionato de España.
Alí estaban ata 11 xogadores do Waterpolo Pontevedra entre os 24 convocados pola Federación Galega, gozando da experiencia e progresando no seu proceso de formación.
Na súa segunda participación, o equipo feminino de Galicia conseguiu a sexta praza e a que foi a súa primeira vitoria nun Campionato de España, ao vencer a Aragón (4-2). Pola súa banda os mozos alcanzaron as semifinais quedando a un paso do bronce tras perder no seu último partido ante Andalucía, á que gañaran na fase de grupos (3-8).
En canto á representación do Waterpolo Pontevedra o seu xogador Diego Touriño perdeu o campionato por lesión, aínda que estivo xunto aos seus compañeiros. Os que si puideron participar foron: Irene Esteban, Rocío Ferreira, Andrea Andión, Izaskun Tellería, Paula Millán, Iria Amoedo, Luís Millán, José Aguado, Alejandro Andión, Raúl Martínez e Hugo Arceo.
Unha vez finalizado o campionato, que se celebrou na Piscina Centro de Natación M86 de Madrid, a Real Federación Española de Natación organizou unha concentración nacional con dous representantes de cada equipo, do 10 ao 12 de abril, na que estiveron presentes os pontevedreses Alejandro Andión, Irene Esteban e Andrea Andión.