Luisito, granate un ano máis "pase lo que pase y estemos donde estemos"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
A nova que a gran maioría da afección do Pontevedra esperaba é xa unha realidade. José Luis Míguez 'Luisito' seguirá sendo adestrador granate unha tempada máis. Así o anunciou a presidenta, Lupe Murillo, e o responsable da parcela deportiva, Roberto Feáns, nunha comparecencia conxunta con Luisito celebrada este mércores no Estadio Municipal de Pasarón.
"Luisito se quedará la próxima temporada en el Pontevedra pase lo que pase y estemos donde estemos", avanzou a dirixente pontevedresa, xa que "entiendo que las cosas que funcionan no se deben cambiar".
O momento escollido para o anuncio responde á intención de achegar tranquilidade ao equipo na fase crucial da tempada e aos cantos de sirena en forma de ofertas que manexaba o técnico, ademais de para "poder planfificar a próxima tempada con tempo".
"Para min o fácil sería acabar esta tempada e marcharnos, pero considérome unha persoa valente", explicou o propio Luisito ante as ofertas que lle chegaron, e "valoro moito máis o que representa o Pontevedra que todo o diñeiro que me poidan dar fóra", defendeu.
Luisito: "Valoro moito máis o que representa o Pontevedra que todo o diñeiro que me poidan dar fóra"
O adestrador granate, que seguirá contando coa axuda de Pepe Rico e Roberto Valdés, incidiu ademais nunha mensaxe que xa trasladou un ano atrás, que "o meu gran reto é tratar de chegar ao fútbol profesional co Pontevedra".
O acordo pechouse este mesmo martes e aínda que o propio Luisito e Lupe Murillo aseguraron que o carácter marcado e forte de ambos lles fai chocar en ocasións, mostráronse satisfeitos polo camiño avanzado xuntos nos últimos anos: "son feliz aquí e o día que perciba que a xente non me quere a presidenta non vai ter que dicirme nada", sinalou.
Luisito cumprirá así a súa cuarta campaña á fronte do Pontevedra, aínda que antes prefire centrarse na recta final dunha tempada na que "a base de moito traballo estamos preto de facer algo grande", avanzou, e é que os granates se gañaron o dereito para soñar co play-off de ascenso a Segunda División.
Relacionadas:
-
O perigo de enfrontarse a un rival xa descendido
Por Redacción |
-
Sen Portela pero con Iker Alegre para recibir á Cultural Leonesa
Por Diego Espiño |
-
Antiviolencia multa con 3.500 euros a un seguidor do Pontevedra por "agresión a un afeccionado" en Ponferrada
Por Redacción |
-
Promocións para lograr un "ambiente excepcional" ante a Cultural Leonesa
Por Redacción |
-
Mateu falla un penalti e o Pontevedra deixa escapar a ocasión de descartar á Ponferradina (1-0)
Por Redacción |