A loita pola cuarta praza, a lume vivo
Por Diego Espiño
Pese ao mal momento que atravesa, con seis xornadas sen gañar na liga, o Pontevedra segue de cheo metido na pelexa polo play-off de ascenso a Segunda División.
Aínda na cuarta praza, os granates viron reducida ao mínimo a vantaxe que atesouraban sobre os seus inmediatos perseguidores, que tamén se deixaron nas últimas semanas moitos puntos abrindo a loita pola cuarta praza a equipos que hai un mes parecían descartados.
Desde que o Pontevedra gañase na casa ao Guijuelo o pasado 8 de xaneiro sumou só dous puntos (empates ante Mutilvera e Palencia), perdendo os cinco puntos de renda que tiñan con Valladolid B, con quen agora empatan en puntuación, e vendo reducida a dous puntos a diferenza coa Ponferradina, que antes era de sete.
Con todo tanto o filial valisoletano como a Ponferradina tampouco demostraron estar en plena forma. Mentres o Valladolid sumou sete puntos nas seis últimas xornadas (dúas vitorias, un empate e tres derrotas), o cadro berciano só logrou cinco (un triunfo, catro empates e unha derrota).
Desta forma os equipos que máis recortaron debido ao seu bo momento foron os agora sétimo e oitavo clasificado, Tudelano e Coruxo, que se colocaron a só 4 puntos despois de sumar 13 nesta fase da competición. Ademais a 6 puntos colocouse o Lealtad asturiano na novena praza.
O BURGOS, NA LOITA POR EVITAR O DESCENSO
O Pontevedra volveu este luns ao traballo co obxectivo de deixar atrás canto antes esta mala xeira, na que non logrou anotar ningún gol, pensando no próximo encontro ligueiro ante o Burgos, o domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.
Con Mario Barco traballando xa co grupo a incógnita pasa por saber cando poderá volver a unha convocatoria, esta fin de semana, o cal parece aínda precipitado, ou no primeiro partido de marzo ante o Lealtad.
Os granates esperan poñer fin á baixada de rendemento pero para iso deberán superar a un equipo, o burgalés, que chegará á ciuda de Lérez no medio outra pelexa non menos importante, a de eludir o descenso. Situados na décimo terceira posición con 31 puntos, a vitoria da última xornada ante o Celta B déixalles con tres puntos de vantaxe sobre a promoción pola permanencia.
Dáse a circunstancia ademais que conforme avanzou a liga o Burgos mellorou a súa prestación como visitante. De feito, a súa última derrota a domicilio data do 27 de novembro no campo do líder, a Cultural Leonesa. Desde entón encadearon dous empates (Coruxo e Palencia) e dúas vitorias (Caudal e Mutilvera) lonxe do seu estadio.