A Federación Galega entrega ao Pontevedra unha subvención polos dereitos da Copa do Rei
Por Redacción
Os clubs galegos que militan na Segunda División B, entre eles o Pontevedra, reuníronse este venres en Santiago de Compostela coa Federación Galega de Fútbol tras ser convocados polo seu presidente, Rafael Louzán.
Ademais da entidade granate estaba representado o Racing Club Ferrol, Coruxo FC, CD Boiro e UD Somozas. Só faltaba o Celta B ao tratarse dun filial.
O motivo era a entrega dos cheques correspondentes á subvención polos dereitos da Copa do Rei e "outros conceptos", que ascende a preto de 100.000 euros a repartir entre todos os clubs.
Esta reunión chega poucos días despois de que a Comisión de Clubs convocase unha folga para a xornada do 4 e 5 de marzo na Segunda B e Terceira División precisamente pola repartición do 1% do contrato de dereitos televisivos da Copa.
A reunión celebrouse na sede compostelá da Federación Galega de Fútbol, situada no Estadio Municipal de San Lázaro.