Un inxenuo penalti custa o partido fronte ao Izarra a un Pontevedra que segue sen ver porta (1-0)
Por Redacción
Mereceu máis o Pontevedra fronte ao Izarra, por proposta futbolística e ocasións, pero pagou moi cara unha acción inxenua de Capi sobre Pitu, que lle custou ser sancionado cun penalti evitable, buscado polo dianteiro navarro, que transformou el mesmo. Os granates suman a súa quinta xornada consecutiva sen ver porta, exactamente desde que se lesionase o seu máximo goleador Mario Barco.
No sempre complicado campo de Merkatondoa, onde ningún dos favoritos do grupo conseguiu pasar do empate, ou a derrota, o forte vento foi o auténtico protagonista. Precisamente de aí saíu que cada equipo mandase e tivese máis ocasións cando a forza do vento sopraba ao seu favor. Gozouno o Pontevedra na primeira, pero non soubo sacar proveito, e tívoo o Izarra na segunda, atopando no penalti un excesivo premio aos seus méritos, xa que o máis xusto sería a repartición de puntos.
Foron dúas propostas diferentes. Os granates tentaron xogar máis, buscando as accións por banda, con Bonilla nos centros e Eneko como homes máis activos. Fronte a eles un Izarra que poñía sobre o sintético a súa habitual proposta directa, de segunda xogada e moita intensidade.
En realidade houbo máis chegadas que ocasións de verdade claras. Luisito demostrou coñecer perfectamente o escenario e ao rival, por iso ordenou tentar o disparo afastado co vento a favor. Fixérono os seus xogadores, pero sen demasiada puntería nin intención, e as veces que lograron que o balón fose entre os tres paus, Aitor Navarro foi un obstáculo insalvable.
Bonilla, Álex González e Kevin Presa foron os primeiros en probar fortuna, facendo intervir o mate navarro. O mesmo que Julen Goñi, que tamén probou desde a frontal, pero Edú mandou o seu disparo a corner.
Precisamente os saques de esquina e centros laterais tiveron un protagonismo especial, pero sempre sen atopar rematadores claros. A ocasión máis clara viría nunha contra levada por Eneko, que abortou Álex Cacho, cruzándose oportuno para evitar o remate de Mateu.
A segunda parte foi para o Izarra, aínda que o Pontevedra defendíase con orde e sen maiores abafos, traducindo ese dominio local en lanzamentos de esquina que non crearon problemas a Edu.
O equipo navarro crecía en intensidade nas disputas, pero as ocasións non existían ata que chegou a xogada clave do partido, cando Pito entra na área, busca a Capi, que peca de inxenuo metendo a perna e derrubando ao dianteiro navarro, que nada máis notar o contacto déixase caer. O mesmo Pito transforma, a pesar de que Edu avidinó a dirección do disparo. Un minuto antes os de Luisito reclamaron tamén como penalti unha posible man dun defensor local, que o colexiado non sancionou.
Tentou reaccionar o Pontevedra, pero o Izarra defendeuse ben e unicamente no desconto un disparo de Miguel, que o meta local mandou a corner, levou certo perigo.
CD IZARRA (1): Aitor Navarro; Eneko Martínez, Josetxo, Maestresalas, Álex Cacho; Sam Piette, Briñol (Polaco, minuto 80); Javi Navas (Julen Goñi, minuto 19), Álex Hinojosa, Joan (Sergio Galán, minuto 87); e Pito.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Miguel, Capi, Bruno, Bonilla; Jacobo Trigo (Jacobo, minuto 78), Kevin Presa; Eneko, Álex Fernandez (Abel, minuto 65), Álex Gonzalez (David Añón, minuto 65); e Mateu.
Árbitro: José Antonio López Toca (Cantabria), auxiliado nas bandas por Javier Toca Alonso e José María Zubillaga Serrano. Amoestou a Pito, Briñol, Eneko Martínez e Sam Piette, polo Izarra, e a Jacobo Trigo, polo Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 76: Pito, de penalti.
Incidencias: Campo Municipal de Merkatondoa (Estella-Navarra). Uns 300 espectadores.
Relacionadas:
-
A loita pola cuarta praza, a lume vivo
Por Diego Espiño |
-
Un chispazo de Dani Benítez basta para tombar a un Pontevedra sen pegada en Ferrol (1-0)
Por Raúl Salgado |
-
O Racing de Ferrol na Malata, perigoso rival para un Pontevedra na busca da reacción
Por Diego Espiño |
-
Luisito, sobre a falta de gol do equipo: "Esto tarde ou temprano vai acabar"
Por Diego Espiño |
-
A reparación da cuberta da Malata, a tempo para o derbi entre Racing de Ferrol e Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A reacción pasa por un feudo 'case' inexpugnable
Por Diego Espiño |
-
A Federación Galega entrega ao Pontevedra unha subvención polos dereitos da Copa do Rei
Por Redacción |
-
O Pontevedra agárrase á súa melloría como visitante para manterse na pelexa
Por Diego Espiño |
-
A pegada do Celta B esmaga a un Pontevedra sen pólvora (0-4)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |