O Teucro recibe a un minguado Pozoblanco intentando non se descolgar da zona de play-off
Por Diego Espiño
Despois da dolorosa e polémica derrota en Gijón a Sociedad Deportiva Teucro volve ao Municipal (Sábado, 20:00 horas) para recibir ao Pozoblanco co obxectivo de non se descolgar dos postos de play-off, agora a dous puntos de distancia.
O equipo teucrista deberá sobrepoñerse ás molestias físicas de varios dos seus xogadores, como José Manuel Rial, Toño Fernández e Siscu, que adestraron a menor ritmo durante a semana pero estarán a disposición de Javier Barrios.
Peor é o panorama do Pozoblanco, que chega a Pontevedra a catro puntos dos azuis despois de dúas derrotas consecutivas e sen gañar aínda a domicilio na presente liga. Os cordobeses, que xa dobregaron ao Teucro na primeira volta (29-27), contan coas ausencias de Alberto González por lesión, Nacho del Castillo por sanción e de Juan Giménez por asuntos persoais. Ademais Joel e Alberto Requena presentan molestias físicas.