O PSOE insta ao Concello a asinar un novo convenio con Rías do Sur
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Socialista presentou unha moción, para o seu debate no pleno da corporación, instando ao Concello de Pontevedra a renovar o convenio coa Fundación Rías do Sur que rexía o uso da instalación.
O convenio entre Concello e Rías do Sur asinouse con motivo da construción da piscina olímpica e, despois de dez anos, deixou de ter vixencia en marzo de 2016.
Segundo o acordo, a cambio da cesión dos terreos por parte da administración local, a Fundación asumía a promoción da natación na cidade, establecía vantaxes para a utilización da piscina por parte de persoas con necesidades especiais e permitía o uso da mesma para a celebración de eventos deportivos organizador polo Concello.
"O convenio era moi beneficioso para a cidade porque permitía desenrolar eventos de gran nivel cunha alta rendibilidade económica para a cidade", defende o portavoz socialista e ex-concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen asegura ademais que a razón de non renovar o acordo débese a que "o alcalde enfadouse cos responsables do club e da Fundación".
Como consecuencia directa desta situación, Fernández sinala que "este foi o primeiro ano en moito tempo que non houbo ningún evento de alto nivel" polo "capricho do alcalde" e iso "é moi mala noticia para a cidade".
O concelleiro do PSOE lembrou na súa exposición o retorno que supuxo para a cidade os campionatos nacionais celebrados nos últimos anos na piscina olímpica de Pontemuiños e pediu a entrada nun futuro convenio da Deputación ao tratarse da única piscina olímpica cuberta da provincia.