Natalia Fernández, bronce no torneo júnior de esgrima de Barcelona
Por Redacción
Non puido comezar mellor a tempada para Natalia Fernández, a tiradora da Escola Hungaresa de Pontevedra. Logrou subir ao podio no Torneo Nacional de Ránking de Sabre de categoría junior da tempada, celebrado en Barcelona. Logrou a medalla de bronce, superando a algúns dos mellores sablistas do panorama nacional.
En representación da Escola Hungaresa de esgrima acudiron Jesús Rodríguez e Juan Santos, no cadro masculino, e Natalia Fernández e Antonella Bunimov no cadro feminino.
Antonella Bunimov non logrou superar a fase de grupos finalizando o torneo na posición 31. Natalia Fernández logrou catro vitorias e unha derrota, obtendo a novena praza para a rolda posterior.
No seu primeiro asalto de eliminación directa, Natalia bateu con facilidade á conquense Sara Del Pozo, por un tenteo final de 15 tocados a 3. No taboleiro de 16 tiradoras enfrontouse á madrileña Paula Montoya, vencendo por 15 tocados a 10.
Na final de oito tiradoras Natalia tivo que medirse á número un, María Ventura, do Club de Esgrima Barajas. En todo momento Natalia foi por diante no marcador, chegando a un tenteo favorable de 12 a 9. Nese momento a súa rival lesionouse e tivo que abandonar o asalto, dando a clasificación a Natalia para a semifinal e asegurándolle un posto no podio.
Xa en semifinais Natalia cedeu ante Argi Pérez, da Sala de Armas de Madrid, por 15 tocados a 9. Finalizou así en terceira posición e logrou unha magnífica medalla de bronce, que a sitúa no cuarto posto do ránking nacional junior.
Na proba masculina, Jesús Rodríguez logrou tres vitorias e tres derrotas na rolda previa, clasificándose para a seguinte fase en vixésima posición. O seu compañeiro Juan Santos caeu eliminado na fase previa ao non obter ningunha vitoria.
Jesús Rodríguez pasou exento o primeiro taboleiro de eliminación directa de 64 tiradores e no taboleiro de 32 tiradores caeu eliminado por 15 tocados a 8 fronte ao madrileño Óscar Fernández, ocupando a praza 22 da clasificación xeral e sumando uns importantes puntos para o ránking nacional.