O Pontevedra busca aproveitarse da crise do Burgos para lograr o seu primeiro triunfo fóra
Por Diego Espiño
As dúas vitorias consecutivas en Pasarón, ante Izarra e Racing de Ferrol, reforzaron a un Pontevedra que quere consolidarse na zona alta da clasificación logrando, ao cuarto intento, o que sería o seu primeiro triunfo fóra da casa.
Os granates visitan este domingo (17:00 horas, El Plantío) a un Burgos Club de Fútbol sumido nunha grave crise deportiva e institucional, pero non se fían do potencial dun equipo que foi deseñado no verán para pelexar polo play-off.
Dirixido agora por Manix Mandiola, que debutou no banco a pasada semana en Vigo, o club burgalés quere esquecerse do seu mal comezo de competición, no que sumaron un só punto en sete partidos e no que todo lles saíu mal. Mesmo entre semana cederon tamén nun amigable ante a Selección de Castela-León, formada por futbolistas de Terceira División.
Aínda por riba Mandiola non poderá contar con Dani Gómez no carril zurdo, lesionado, nin tampouco co centricampista Cusi, sancionado.
Pola súa banda Luisito non quere excesos de confianza, despois dunha semana marcada polos problemas físicos de futbolistas como Añón, Portela, Bonilla ou Jacobo Trigo.
Finalmente todos eles, salvo Portela, tras experimentar unha notable melloría puideron entrar nunha convocatoria da que cae Jacobo, e na que son novidades con respecto á xornada anterior contra o Racing de Ferrol, Bruno e Gonzalo.
Deste xeito, tras o adestramento realizado na mañá deste sábado, no campo da Seca, en Poio, Luisito leva a Burgos a: Edu, Santi Canedo, Adrián, Bonilla, Bruno, Capi, Miguel, Jacobo Trigo, Álex Fernández, Gonzalo, Abel, Mouriño, Álex González, Mateu, David Añón, Kevin Presa, Miki e Mario Barco.
O partido será arbitrado polo colexiado navarro Iosu Galech Apeztegia.
Relacionadas:
-
Pólvora mollada dun Pontevedra que puido e mereceu gañar en Burgos (0-0)
Por Redacción |
-
O Burgos recibirá ao Pontevedra sumido nunha profunda crise deportiva e institucional
Por Diego Espiño |
-
A lesión de Añón queda nun susto pero é dúbida para o desprazamento a Burgos
Por Redacción |
-
O Pontevedra presenta o calendario de actos do seu 75 aniversario
Por Diego Espiño |