O Froiz téntao ata o final pero tense que conformar co segundo posto na Volta
Por Redacción
Tentouno todo o Grupo Deportivo Supermercados Froiz para lograr o triunfo final na Volta a Galicia, pero quedou co mel nos beizos.
O equipo alimenticio chegaba á última xornada da carreira, unha etapa en liña con saída e chegada no Porriño, con Marcos Jurado segundo a 23 segundos do líder e Dani Domínguez quinto a 58 segundos.
Esa dobre opción utilizouna Evaristo Portela, que mandou atacar a Domínguez no primeiro porto da etapa, nada máis saír. O ciclista do Froiz, acompañado dos seus compañeiros Joao Araújo, David González e Sergio Míguez, puxo en xaque ao líder, Samuel Blanco, ao chegar a contar con preto de tres minutos de renda.
A vantaxe mantívose ao redor dos 2 minutos ata o quilómetro 80, cando varios equipos empezaron a relevarse no pelotón para cazar a fuga.
Conseguírono así que a outra baza do equipo pontevedrés, Marcos Jurado, tentou atacar sen éxito no tramo final da xornada.
Ao final a etapa decidiuse ao sprint, con vitoria parcial do portugués Francisco Campos e na xeral para Samuel Blanco (Rías Baixas), que defendeu con éxito a camisola de líder.