Revolución no Froiz pensando nun gran obxectivo, a Copa de España
Por Diego Espiño
Despois dun ano complicado, no que caídas e lesións afectaron negativamente os resultados do equipo, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz quere recuperar as posicións perdidas no ránking nacional e pelexar por unha competición que se lle resiste, a Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo na estrada.
O equipo pontevedrés experimentou unha profunda renovación nas súas filas, con ata 10 fichaxes, para lograr "un bloque moi potente" que non só pelexe polos triunfos nas voltas por etapas, recoñece o seu director, Evaristo Portela.
O Froiz apuntou alto e mesmo tiña pechada a contratación de Antonio Angulo, vencedor da última Copa de España co Gomur, pero finalmente dará o paso ao profesionalismo nunha nova escuadra portuguesa, do mesmo xeito que outros reforzos que tiña en mente o equipo como Marcos Rojo e Marcos Jurado, que xa vestira o maillot alimenticio na última Volta a Galicia.
Desta forma o plantel está formado polo momento por 17 corredores, ademais dos dous ciclistas paralímpicos (César Neira e José Enrique Porto) e outros dous de categoría master.
Pedro Merino repetirá como xefe de filas, acompañado de Martín Lestido, que volve á escuadra alimenticia tras dous anos de profesional, e Miguel Gómez.
Tamén haberá espazo para grandes promesas galegas, sete corredores, entre os que destacan Martín Bouzas, actual campión de España sub-23 contrarreloxo no que o Froiz ten depositadas grandes esperanzas, Alejandro Regueiro ou José Luis Mariño, entre outros.
"Imos a ter bos chegadores e para arriba o equipo vai a estar moi forte", resume Portela.
Coa planificación xa pechada, a intención do director é xuntar a todos os ciclistas nunha concentración que se celebrará do 14 ao 16 de febreiro, apenas dez días antes do debut oficial do equipo en competición, que se producirá na primeira proba da Copa de España, o Circuíto do Guadiana (26 de febreiro en Don Benito, Badaxoz).
Relacionadas:
-
Froiz, 29 anos dando guerra no pelotón
Por Redacción |
-
A Copa de España e as voltas a Galicia e Coruña, obxectivos dun ambicioso Súper Froiz
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Almagro será o punto de partida para a tempada do Froiz
Por Redacción |
-
Homenaxe provincial a Martín Bouzas, "la mayor promesa del ciclismo español"
Por Redacción |
-
O Froiz téntao ata o final pero tense que conformar co segundo posto na Volta
Por Redacción |