Álvaro Fernández Fiuza, campión por sétimo ano seguido no Descenso Internacional do Sella
Por Redacción
O pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza e o asturiano Walter Bouzán volveron a facer historia ao impoñerse no 80 Descenso Internacional do Sella.
É a sétima vez consecutiva que o fan, récord absoluto, tras unha edición na que dominaron a categoría de K-2.
No primeiro tramo da proba, de case 20 quilómetros, foi unha parella galega a que levaba a voz cantante, Brais Sánchez e Antonio Palma, pero Fiuza e Bouzán mantíñanse preto e pronto empezaron a marcar diferenzas para marchar en solitario río abaixo cara a Ribadesella.
Impuxéronse cun tempo de 1 hora, 7 minutos e 43 segundos, con case medio minuto de vantaxe sobre os segundos clasificados, o cántabro Julio Martínez e o leonés Julián Becerro. Terceiros foron os galegos Brais Sánchez e Antonio Palma.
En K-1 a vitoria foi para o asturiano Kiko Vega na proba masculina e para a irlandesa Jennifer Egan na feminina. Pola súa banda Aurora Figueras e Olatz Zabala gañaron no K-2.
Participaron no Descenso Internacional do Sella un total de 1.179 padexeiros de 20 países.