Richi salva a un discreto Pontevedra que gaña ao Negreira (2-1) e métese en zona de play-off
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Non foi un bo partido, non. As árbores non deben impedir que vexamos o bosque do mesmo modo que a vitoria non pode tapar os defectos dun Pontevedra que volveu sufrir o indicible para impoñerse a un rival en teoría máis débil, pero que na práctica levou a iniciativa do partido e ao que só condenaron os seus erros na defensa das accións de estratexia e a picardía dun Richi absolutamente sobresaínte e dando un exemplo de loita constante ao longo de todo o partido.
Pero como as penas con pan son menos, ou iso din, o mal xogo con vitorias dixírese mellor. E se ademais a vitoria che leva a meter a cabeza nos postos de play-off pois case todos contentos. Iso si, mirando dende arriba tense máis tranquilidade, pero as sensacións teñen moito que mellorar, o mesmo que o xogo do equipo, algúns de cuxos xogadores atravesan un evidente baixón tanto físico coma de xogo individual e colectivo.
Porque o que non é doadamente entendible é que no teu propio campo un equipo como o Negreira, que coquetea cos postos de descenso, consiga marcar o ritmo do partido e manexe o partido ao seu antollo, co Pontevedra entregado á posibilidade dunha contra salvadora ou á calidade individual dalgún dos seus xogadores.
E iso que as cousas non puideron poñerse mellor para os granates, que sabían dende o día anterior que as derrotas de Deportivo B e Somozas poñían nos seus pés a posibilidade de acceder ao cuarto posto (ou mesmo ao terceiro se fallaba, que non o fixo, o Compostela). Con apenas un tímido achegamento á área nun centro de David Pérez que rematou axustado Santi Domínguez e que sacou con apuros Sergio Ríos a corner, na segunda chegada unha falta tan ben lanzada, moi tocadiña, por Moisés, como mal defendida pola defensa visitante, Richi exerce como o "máis listo da clase" e se anticipa para peitear de cabeza e adiantar ao Pontevedra.
Pero inmediatamente chegaban os tradicionais sustos. Un rexeitamento defectuoso de Yago Vázquez permite a Diego Otero recibir con vantaxe, pero manda o seu remate ás nubes. logo nada. Erros, imprecisións, perdas de balón e pouco xogo. Ata que no minuto 40 a "amabilidade" da defensa visitante permite a Richi volver sacar partido da súa picardía e instinto na área para facer o segundo.
O partido parecía encarrilado con moi pouca bagaxe futbolística, pero case pleno de acerto ofensivo. Pero a última xogada antes do descanso deixaría o partido aberto. Afeito aos regalos ao rival, o Pontevedra quixo devolver os favores do Negreira e Lloves quedou co molde nunha saída en falso que permitiu a Diego Otero recortar distancias.
A segunda parte foi igual de frouxa no futbolístico, pero moito máis animada en canto a ocasións para os dous bandos. O Negreira conseguiu o leme da zona ancha mentres o Pontevedra fiaba a súa sorte a unha contra salvadora e á inspiración do omnipresente Richi. Precisamente o miúdo dianteiro tivo a primeira opción nun remate que eleva sobre a saída de Sergio Ríos, pero que marcharía por enriba da travesa.
Tocaba a quenda para o Negreira, tan loitador como inocente nos metros finais. Diego Otero gaña as costas á defensa pero tarda tanto en rematar que Yago Vázquez se cruza e tapona o disparo nunha posición inmellorable para facer o empate.
Richi, o mellor do partido, marcou os dous goles e estrelou un balón no poste
O contraataque que buscaban os granates chegou, como non, por medio de Richi, pero o seu remate, con Sergio Ríos batido, estrelouse na cepa do poste. A resposta visitante non se fixo esperar, aínda que fose case accidental nun balón longo enviado por Paco que se envelena e que entre Lloves e o longueiro evitan que remate dentro do portal pontevedrés.
Co Negreira envorcado chegaron as mellores ocasións para o Pontevedra, primeiro por medio de Stefan, que se encontrou cun rápido e acertado Sergio Ríos, e despois para Sestelo, que non chega por centímetros a empurrar na boca do gol. Pitou o árbitro e respirou a afección que, despois de moitos meses, vé ao seu equipo de novo en zona de play-off.
PONTEVEDRA, C.F. (2): Lloves (1); Adrián (1), Yago Vázquez (1), Pablo (1), Tubo (1); Cristóbal Juncal (1), Moisés (2); Richi (3), Jacobo (1), David Pérez (1); e Santi Domínguez (1).
Substitucións: Caco (1) por Tubo, minuto 62. Stefan (1) por Santi Domínguez, minuto 73. Sestelo (s.c.) por David Pérez, minuto 88.
S.D. NEGREIRA (1): Sergio Ríos (2); Paco (1), ÿscar Vidal (1), Gonzalo Iglesias (1), Diego Gesto (1); Manuti (1), Gonzalo Suárez (1); Adrián (2), Roberto Piñeiro (1), Louro (1); e Diego Otero (2).
Substitucións: García (1) por Diego Gesto, minuto 51. Toja (1) por Manuti, minuto 73. Adán (s.c.) por Gonzalo Iglesias, minuto 85.
Árbitro: Adrián García Rodríguez (A Coruña), auxiliado nas bandas por Daniel Pérez Montouto e Adrián Pérez Rellán. Amoestou a Jacobo, Caco, Paco, Diego Gesto e Diego Otero.
Goles: (1-0) Minuto 17: Falta que lanza Moisés e Richi peitea de cabeza anticipándose á acción da defensa visitante. (2-0) Minuto 40: Corner botado por Moisés que non acerta a despexar a ninguén, o balón cáelle a Pablo, cuxo disparo tapona Gonzalo Iglesias, pero Richi aproveita o rexeitamento para fusilar por alto dende preto. (2-1) Minuto 45: Falta lateral colgada por Roberto Piñeiro, sae Lloves a destempo, medindo mal, e Diego Otero cabecea a porta baleira, sen necesidade de saltar.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Pouco máis de 800 espectadores.
VESTIARIOS:
JAVIER OREIRO: O adestrador visitante considerou que as accións de estratexia foron claves: "Tres erros na defensa de tres accións de estratexia condicionaron o partido e foron determinantes para que o Pontevedra gañase. O resto do partido foi moi igualado e creo que competimos dignamente nun campo espectacular. Foi un partido de ritmo intenso no que mesmo penso que na segunda parte fomos máis equipo pero non acertamos a concretar as nosas ocasións".
Tamén viu en Richi o factor desequilibrante: "O Pontevedra viviu da velocidade e o acerto de Richi, pero en xeral o partido decidiuse por pequenos detalles e non teño nada que reprochar ao meu equipo. Claro que non podo estar contento co resultado, pero si coa imaxe que o Negreira deixou en Pasarón".
MILO ABELLEIRA: Para o técnico granate dos erros hai que seguir aprendendo, mesmo a pesar de gañar: "Un partido que se pon 2-0 non se nos debe complicar así, pero non foi un erro defensivo se non individual de Sergio Lloves, que afortunadamente logo se refixo na segunda parte. De todos os xeitos isto ten que servirnos para mellorar, porque hai cousas que mellorar cando se perde, pero tamén cando se gaña como hoxe,".
Con respecto ao dominio rival, Milo dixo: "Por dentro tiñamos xente para ter o balón, pero non fomos capaces porque hoxe a saída dende atrás non foi boa, iso motivou que non fosemos capaces de levar a iniciativa. Aínda así tivemos bos contraataques nos que puidemos sentenciar o partido sen sufrir tanto ata o final".
Milo Abelleira: "O único que temos mellor que os demais equipos da categoría é a afección"
Milo si quixo deixar un eloxio cara á afección: "O único que temos mellor que os demais equipos da categoría é a afección, no resto somos un máis e canto antes o entendamos todos iso nos axudará a superar partidos como este, no que os rivais che van formular moitas dificultades,".
Celebraba con reservas terse metido en postos de play-off: "Claro que é para estar contento, pero debemos saber todos que nos vai custar e ogallá esteamos aí na última xornada, que é o que de verdade conta,".
Recoñecía para rematar o gran traballo do goleador da tarde: "Richi estivo espectacular. ÿ verdade que fóra lle custa máis, pero en Pasarón está a ser fundamental e ogallá poida manter tamén este nivel cando xoguemos noutros campos".