A semana máis dura de Saleta Castro
Por Diego Espiño
O soño de participar como profesional no Campionato do Mundo de Ironman en Kona, Hawaii, afástase polo momento para Saleta Castro despois da súa semana máis dura.
A triatleta pontevedresa tívose que retirar esta fin de semana do Ironman de Lanzarote, no quilómetro 22 da carreira a pé, por "por problemas coa nutrición", segundo ela mesma explicou despois da proba na súa conta de Instagram.
Saleta, que estaba a protagonizar unha grande actuación terminando o segundo sector da proba (ciclismo) en cuarta posición e aspirando ao podio, empezou a sufrir problemas estomacais que lle fixeron vomitar ata que lle resultou "case imposible camiñar", polo que optou por pararse cando viu ao seu adestrador, Luc Van Lierde.
Este abandono únese ao dunha semana atrás no Ironman de Texas (Estados Unidos), nunha carreira que a propia Saleta definiu como "das peores natacións da miña vida, sen sensacións, sen energia e na bici tenteino todo o que puiden ata que vin que cada vez me custaba mais mover a bicicleta e íame afundindo aos poucos".
A pesar de recuperar entón sensacións no maratón decidiu parar no quilómetro 15 "xa que o meu obxectivo era o Top-7 e fóra dese posto de pouco servíame terminar", explicou.
Dobre e duro golpe para a pontevedresa tras moitos meses de esforzo e adestramentos. Con todo, a pesar da adversidade Saleta non desfalece e pronto volverá á carga, porque como reza o lema que fixo seu, "caer está permitido, levantarse é obrigatorio".