Adeus á Preferente: o Marcón cae ante o Alertanavia (0-1) e consuma o seu descenso
Tíñao todo de cara o Marcón Atlético para continuar un ano máis en Rexional Preferente. Xogaba na casa, nun campo do Carrasco cheo e disposto a ser ese xogador número 12 que levase polo aire ao equipo. Ademais, dependía de si mesmo. Un único punto ante o Alertanavia bastáballe para salvarse do descenso. Pero ao final, saíu cruz. Un gol do conxunto vigués no minuto 22 manda aos pontevedreses de novo a Primeira Autonómica.
Foi un partido moi tenso por parte dos dous equipos. Non só polo que ocorría sobre o céspede, senón tamén no resto de campos onde se xogaba o descenso. Ningún dos dous quería arriscar e no primeiros vinte minutos apenas se achegaron á portería rival.
Pero un rápido contraataque do Alertanavia cambiouno todo. Tras comezar desde o centro do campo, o balón chegaba aos pés de Borja que, tras superar á defensa local, tan só tivo que elevar un pouco o esférico para superar a Joaquín e establecer o 0-1 no marcador.
Os vigueses tiveron unha gran oportunidade, á volta do descanso, para sentenciar o partido cun segundo gol no minuto 52. Tras un gran pase desde a banda esquerda de Adrián López, un Kiko que disparaba moi cómodo desde dentro da área lanzaba o balón ao lateral da rede.
A partir de aí, o partido foi outro. O Marcón, que desde o gol vigués estaba noqueado e mostrárase errático sobre o campo, empezou a crear perigo. Sobre todo a balón parado. Así, no minuto 58, un remate de cabeza de Sapi tras un saque de esquina íase alto por moi pouco. E ao minuto seguinte, os pontevedreses reclamaron un penalti sobre Aarón, ao que un defensa vigués golpeou no seu pé de apoio.
E xusto cando mellor estaba a xogar o conxunto pontevedrés, o Alertanavia quedaba con dez xogadores. Farto das continuas perdas de tempo dos vigueses, o árbitro sacou a segunda amarela a Adrián López, xusto cando este estaba a ser substituído. Pero apenas tivo tempo o Marcón para aproveitar esta vantaxe, xa que na xogada seguinte o colexiado expulsaba a Marcos, tamén por dobre amarela, tras unha dubidosa falta.
Pero, sen dúbida, a xogada máis polémica do partido produciuse co tempo xa cumprido.
Cos homes de Carlés centrados no ataque para buscar o empate, un remate de Valiñas foi despexado por un defensa do Alertanavia baixo os paus, pero con ambos os pés dentro da portería. O Marcón reclamou o gol, pero o árbitro -que mirou cara ao linier para saír de dúbidas- optou porque non subise ao marcador para desesperación dos locais. Unha xogada idéntica, ao minuto seguinte, correu a mesma sorte acabando coas esperanzas dos locais.
Consulta aquí a acta do partido.
O descenso a Primeira Autonómica é un castigo excesivo para un Marcón Atlético que mereceu mellor sorte nunha tempada na que as lesións se cebaron con eles.
As baixas de homes importantes impediron aos pontevedreses manter o nivel mostrado na primeira volta da liga, tras a cal concluíron na sétima praza a tan só un punto dos postos de playoff de ascenso. Dúas únicas vitorias no últimos dez partidos de liga fixeron o resto, condenándoos ao descenso.
Aínda así, o Marcón alberga unha pequena esperanza para manter a categoría. O seu non é un descenso directo, senón que cae a Primeira Autonómica por arrastre. Por iso, aínda pode salvarse. Non será fácil. Necesita que dous dos catro equipos galegos que loitan por subir a Segunda B, o consigan. E que o Porriño Industrial, que xogará a promoción de ascenso a Terceira, tamén logre subir. Por diante pois, quedan semanas de transistores.