Unha canastra de Carlos Noguerol, a falta de 9 segundos, decide o derbi entre Xuven e Marín Peixe Galego (73-74)
Por Redacción
Foi a súa única canastra de dous, pero decidiu o derbi. Un lanzamento de Carlos Noguerol, a nove segundos do final, deu a vitoria a Marín Peixe Galego sobre Xuven Cambados en O Pombal, mantendo o ritmo triunfal dos de Javi Llorente cara ao ascenso, ao encadear a súa oitava vitoria consecutiva.
Se no partido da primeira volta na Raña a emoción presidiu o choque, decidido cun mate de Javonte Green no último instante (97-95), nesta ocasión a igualdade e as alternativas foron aínda maiores, con dous parciais para cada equipo e alternativas no marcador ata chegar a un final trepidante no que puido gañar calquera.
Os marinenses souberon sobrepoñerse a un mal día no lanzamento, cun pobre 31% en tiro, pero unha actuación espectacular de Javonte Green e Antonio Pantín: 46 puntos, 27 rebotes e 60 de valoración entre ambos.
Precisamente outra das claves do triunfo marinense foi a súa superioridade baixo taboleiros, onde capturaron 45 rebotes (16 de Green) por só 32 do Xuven.
Saída en tromba dos locais (11-2), que propiciaba o tempo morto de Javi Llorente. O parón non afectaba aos de Miguel Ángel Hoyo, que se ían ata os dez de vantaxe (23-13) quedando dous minutos para acabar o primeiro período.
O líder reaccionaba cun 0-8 e apertaba en defensa para igualar o encontro a 31 da man do seu xogo exterior. Pantín tomaba a substitución aos seus compañeiros e facía que Marín se fora por diante aos vestiarios (35-39).
Á volta, o partido seguía pola senda de igualdade, aínda que agora eran os visitantes os que dominaban por curtas rendas (47-51). Os da Raña chegaban a gañar por cinco, pero Xuven Cambados pechaba o terceiro cuarto cun parcial 10-2 para entrar por diante no acto decisivo (61-56).
Xuven Cambados mantivo a iniciativa no último cuarto durante os primeiros minutos (70-64). Pantín volvía aparecer para asumir o mando en ataque e voltear o choque (71-72). Xa no minuto final, Chapela acertaba en dous tiros libres e, tras varios ataques errados, Carlos Noguerol anotaba a canastra decisiva. No ataque final, Chapela non acertou co aro marinense.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego acariña o ascenso tras dobregar un combativo Valladolid (90-83)
Por Redacción |
-
O estado de Gabe Rogers, preocupación do Peixe Galego ante a visita do Ciudad de Valladolid
Por Redacción |
-
Modou Mbaye, reforzo sorpresa do Peixe Galego para pelexar polo ascenso
Por Diego Espiño |
-
Sufrida vitoria do Peixe Galego ante o Getafe para manter vivo o soño do ascenso (92-86)
Por Redacción |
-
Agónico triunfo do Peixe Galego en Tarragona (79-83) que lle achega un paso máis ao ascenso
Por Redacción |