Dous partidos para empezar a soñar co ascenso
Por Redacción
Restan oito xornadas para o fin da liga regular na LEB Prata e o Peixe Galego empeza a pensar na posibilidade do ascenso.
Con dúas vitorias de renda sobre o segundo clasificado, o equipo marinense non quere lanzar as campás ao voo, pero sabe que as próximas dúas xornadas poden resultar decisivas.
Se supera estes partidos os de Javi Llorente poden ter na man asegurar a primeira praza, única de ascenso directo.
O cadro peixe visita este sábado (19:00 horas) a pista do Club Basquet Tarragona, sétimo clasificado, na busca do seu sexto triunfo consecutivo, mentres unha semana despois recibirá na Raña ao pechacancelas da competición, o Viten Getafe.
En Tarragona os de Marín atoparanse diante a un equipo perigoso pero que se está mostrando irregular na casa, con só tres vitorias en sete choques. Axudará a Javi Llorente poder contar cunha maior profundidade de banco tras a chegada de Carlos Noguerol e o regreso de Oubiña. A principal dúbida para o técnico peixe será o estado de Aljandro Navajas tras a rotura fibrilar que sufriu a pasada semana.