Chipre, punto de partida do ambicioso calendario internacional de Lucía Vázquez
Por Redacción
A Cyprus Sunshine Cup inaugurará a próxima semana, do 25 ao 28 de febrebro, o esixente calendario internacional que ten previsto realizar esta tempada a biker Lucía Vázquez na modalidade de Cross Country.
Despois de estrearse cunha proba de resistencia, a ciclista de Vilaboa participará agora nesta cita de ciclismo de montaña por etapas da máxima categoría da Unión Ciclista Internacional (UCI).
"Nesta carreira estarán as mellores bikers do mundo e vai estar xenial codearme con elas", sinala Lucía, que acode a Chipre en busca de "moitos puntos UCI, que son a miña prioridade este ano".
Esta competición reúne a representantes de máis de 30 países e arrincará cunha contrarreloxo individual en Lefkara, que tamén será punto de saída e chegada da primeira etapa en liña. As dúas xornadas restantes terán como escenario Lythrodontas.
"Vai ser un test moi bo porque a lonxitude das etapas é similar ao das probas dun día do calendario de XC", sinalou a vixente campioa do Open de España de Cross Country.
Ao longo da tempada Lucía Vázquez ten previsto participar en varias probas da Copa do Mundo e outras citas importantes en países como Italia, Francia ou Alemaña, na que espera sexa sla tempada da súa consagración a nivel internacional.