O xadrez nacional e internacional, coa súa mirada posta en Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado
Unha xogada realizada por Ramón Escudeiro pai deu comezo este sábado á cuarta edición do Torneo Internacional Memorial Ramón Escudeiro Tilve de xadrez. Un total de 165 deportistas participan este ano no que xa é, oficialmente, o aberto internacional de maior relevancia dos disputados en Galicia durante todo este ano 2015.
Tras o éxito alcanzado co Cidade de Pontevedra do verán, a Escola Xadrez de Pontevedra consegue, unha vez máis, centrar todas as miradas do xadrez nacional e internacional sobre a cidade do Lérez.
Representantes de ata once nacionalidades diferentes garanten ecos da proba en países xa habituais como Arxentina, Serbia, Uruguai, Letonia e Irlanda, aos que se suman algúns non tan comúns por terras galegas como Sudáfrica ou Israel. E é que todos eles teñen presentantes neste torneo que, durante o próximos catro días, celebrarase nos salóns do hotel Galicia Palace.
A nómina de 21 xogadores titulados, encabezados polo Gran Mestre serbio Aleksa Strikovic, campións nacionais como o Gran Mestre David Larino, que o foi en todas as categorías, ou as incipientes promesas galegas como os Mestres FIDE Julio Suárez ou o pontevedrés Alberto Portela, garanten un espectáculo do máis alto nivel que os afeccionados pontevedreses puideron ver xa desde o primeiro día.
Nesta primeira xornada, non houbo sorpresas. Aínda que iso si, algúns dos favoritos como o Mestre Internacional uruguaio, Daniel Rivera ou os Mestres FIDE Julio Suárez e Luis Medarde, tiveron que chegar á quinta hora de partida para impoñerse aos seus respectivos rivais. Ten a súa importancia porque, a partir de agora, chegan catro xornadas dobres nas que só os mellor preparados conseguirán eludir os erros.
As partidas pódense seguir en directo nos salóns do hotel Galicia Palace, ou ben a través da páxina web oficial, www.xadrezpontevedra.com.