Chamamento do Cisne á súa afección ante a visita do Amenabar Zarautz, rival directo pola permanencia
Por Redacción
Apenas transcorreu o primeiro terzo de competición na División Honra Prata de balonmán pero o Cisne pode cualificar o seu próximo compromiso ligueiro como unha auténtica final.
O club pontevedrés, que marcha décimo cuarto con catro puntos, recibe o vindeiro sábado a un rival directo pola permanencia como é o Amenabar Zarautz.
Os vascos son os pechacancelas da competición con tres puntos, polo que sumar faise imprescindible para o equipo adestrado por Edín Covelo.
Por ese motivo o Cisne trasladou un chamamento á súa afección para que "se convertan no oitavo xogador en pista capaz de empuxar aos nosos cara a esta vitoria tan necesaria nestes momentos", sinalou o presidente, Santiago Picallo.
"Este sábado xogámonos moito máis que dous puntos contra un rival directo", completou Álex Chan, xogador cineísta, recoñecendo que "cando xogamos na casa sentimos un ambiente especial para nós e hostil para o rival que nos permite realizar grandes actuacións".
O encontro disputarase ás 17:30 horas do sábado no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.