Os atletas da Gimnástica conseguen 16 medallas no Galego en Pista Cuberta
Por Redacción
A Sociedad Gimnástica ponse en forma a unha semana de que se celebre a Copa do Rei en Valencia, que reúne os oito mellores equipos do país.
Os atletas do equipo pontevedrés conseguiron 16 medallas no Campionato Galego Absoluto en Pista Cuberta celebrado no Pazo dos Deportes de Riazor, A Coruña.
Na xornada matinal foron xa cinco as preseas. En triplo salto Alfonso Palomanes ratificou a súa superioridade cun ouro mentres que Alba Martínez conseguiu a medalla de bronce. Noutro dos concursos, o de salto con pértega os atletas lerezanos sumaron dous metais cun ouro de Santi Ferrer e outro bronce para David Ferrer, e na única carreira que celebrou final pola mañá, os 1.500 metros, Iván Docampo sumou unha prata.
Xa pola tarde Alfonso Palomanes e David Ferrer acompañaron no podio ao ex da Ximnástica Jean Marie Okutu no salto de lonxitude, mentres no salto de altura Iván Valle estivo moi preto da medalla de ouro, sendo prata na mesma altura que o gañador.
Por outra parte Víctor Gallego impúxose no lanzamento de peso co seu compañeiro de equipo David Rocha terceiro. Pola tarde sumáronse tamén varias preseas de bronce, a cargo de Iván Maceiras nos 50 metros, outro en 200 metros con Miguel Ángel Toubes, en 800 metros lisos con Alberto Chaves e Santi Ferrer, tras o ouro da mañá, sumou outro terceiro posto. No salto con pértega feminino Sandra Carballo levouse o triunfo con Paula Martín terceiro.
Tamén celebrouse simultaneamente o Campionato da categoría Promesa, sumando a Gimnástica dúas medallas de ouro, a cargo de Alejandro Pazos no salto con pértega masculino e Daniel Vidal no lanzamento de peso masculino.