Un sólido Marcón imponse sen excesivos problemas (2-0) ao Lalín no Carrasco
Por Redacción & Diego Torrado
Día de festa no Carrasco. Unhas 300 persoas, unha das mellores entradas da tempada, déronse cita este domingo no campo. Non só para ver o partido da xornada. Moitos deles eran pais e nais dos integrantes dos equipos da base que se presentaron oficialmente no descanso do encontro. E a guinda a esta celebración púxoa o primeiro equipo, cunha importante vitoria por 2-0 ante un dos seus rivais directos, o Lalín.
Nun partido no que ambos os conxuntos apostaron por un fútbol directo, a aposta do Marcón impúxose claramente sobre o terreo de xogo. Os homes de Carlés inquedaron continuamente ao seu rival con xogadas desde as bandas e aproveitando os saques de esquina que lle concedían os dezáns que, en ningún momento atopáronse cómodos sobre o céspede do Carrasco.
Despois dunha primeira metade sen ocasións demasiado claras, un fallo da zaga do Lalín permitiu ao Marcón poñer o 1-0 no marcador. Tras aproveitar un balón que botou ata tres veces na área visitante sen ser despexado, Arturo -moi atento á altura do punto de penalti- marcaba no minuto 53.
A partir dese momento, o bo traballo defensivo dos pontevedreses logrou que o Lalín apenas atopase ocos para achegarse á súa portería con perigo. A pesar de que cos cambios deron entrada a xogadores de corte ofensivo, tan só gozaron de ocasións puntuais sen demasiado acerto.
Pouco antes de cumprirse o tempo regulamentario -o árbitro descontou seis minutos no medio das protestas dos do Deza-, chegou a xogada que sentenciaba o partido. Cañón viu a vermella directa tras cortar duramente una contra que iniciara o Marcón desde a súa área e o colexiado sinalou penalti. A pena máxima transformábaa Héctor, colocando o 2-0 definitivo no marcador e sen tempo para a reacción do Lalín.
Con esta vitoria, o Marcón sitúase oitavo na clasificación con quince puntos. Está a tan só tres dos postos que dan acceso á promoción de ascenso.
MARCÓN ATLÉTICO (2): Joaquín, Steve (Dani, minuto 88), Marcos, Álvaro (Fer, minuto 68), Racha, Valiñas (Jorge, minuto 84), Arturo, Almirón (Luis, minuto 82), Iago, Bolo e Héctor Tajes.
LALÍN (0): Michi, Mario (César, minuto 68), Guille, Albertito, Rebo, Cañón, Gabri (Manu, minuto 59), Jemba, Edu (Suso, minuto 75), Óscar Méndez (Brais, minuto 53) e Ayaso.
Goles: (1-0) Arturo, minuto 53. (2-0) Héctor, minuto 97.
Árbitro: Carlos González, auxiliado nas bandas por José Antonio Claro e Diego Abreu. Amonestou a Steve, Álvaro, Yago e Bolo polo Marcón e a Gabri polo Lalín. Ademáis, expulsou con cartón vermello directo ao entrenador local, Carlés, e a Cañón polo Lalín.
Incidencias: Partido disputado no campo do Carrasco. Uns 300 espectadores.