O Marcón non logra puntuar na súa visita a Domaio e cae derrotado pola mínima (2-1)
Por Redacción
Segunda derrota consecutiva do Marcón Atlético. Os homes de Carlés non lograron traerse un resultado positivo da súa visita a Moaña, onde se enfrontaban este domingo a un Domaio que demostrara a súa irregularidade neste inicio de tempada. Pero os locais mostraron unha imaxe mellorada e lograron os tres puntos -os primeiros que logra en casa- ao derrotar aos pontevedreses por 2-1.
Tan só necesitou sete minutos o Domaio para adiantarse no marcador. Couso, desde a frontal da área superaba a Joaquín cunha maxistral volea.
A gran intensidade dos locais no tramo inicial do partido sorprendeu a un Marcón que apenas creou perigo en todo o encontro. Aínda así, tres minutos despois do gol, os pontevedreses lograban o empate por medio de Sapi, que materializaba un penalti sobre Berto, moi protestado polo público e os xogadores moañeses.
Antes do descanso, os visitantes tiveron unha ocasión magnífica para marcar o segundo. Un remate de cabeza de Racha foise rozando o pau.
Perdoou o Marcón e iso pagouno caro. Na segunda parte, o Domaio fíxose co control do partido e atopou premio cun lanzamento de falta de Chalo no minuto 65 que non puido deter o porteiro pontevedrés.
O Marcón tampouco aproveitou a expulsión do local Rubén no minuto 75. Apertou un pouco no tramo final buscando o empate, pero o seu esforzo foi insuficiente.
Con este resultado, o Marcón sitúase duodécimo na clasificación da Preferente Galicia con doce puntos