Fran Fandiño decide pasar polo quirófano para solucionar os seus problemas de pube
Por Diego Espiño
Finalmente Fran Fandiño deberá operarse para deixar atrás as molestias de pube que arrastra dende o pasado verán. O centrocampista, que confiaba atoparse mellor tralo parón de nadal, non consegue deixar atrás a dor e decidiu, xunto ao médico do clube, Alberto Domínguez, que pasará polo quirófano a próxima semana, "si lo hacemos ahora es para poder llegar al final de liga, al último mes de competición para echar una mano y por si hay play-off. Al ver que no mejoraba me estaba costando mucho en lo físico pero también mentalmente".
O galeno do Pontevedra confirmou que o periodo aproximado de baixa será de tres meses, asegurando que se toma a decisión ao non existir outra posibilidade para deixar atrás de xeito definitivo a lesión, "no está ni al 50% de rendimiento, así puede hacer vida normal pero no competir".
Ata a operación Fran seguirá adestrando co resto de compañeiros e ata estará a disposición de Milo Abelleira para recibir o vindeiro domingo ao Rápido de Bouzas en Pasarón.
Tubo, baixa confirmada para o domingo
O que seguro non estará entre os convocados para o encontro do domingo é Tubo. O mediapunta non evolucionou favorablemente da distensión muscular que sofre e o propio adestrador granate descartouno para o choque. Ao que aínda non dá por perdido o técnico é a Caco, pero o capitán segue sendo seria dúbida e é moi probable que non se recupere a tempo.