O soño olímpico do piragüismo pontevedrés, en xogo no Mundial de Milán
Por Diego Espiño
Chegou a hora da verdade. Despois de tres anos de preparación e de superar complicados controis selectivos, os piragüistas pontevedreses xóganse dende este mércores 19 de agosto a súa clasificación para os Xogos Olímpicos.
Non será a súa última oportunidade, pero si a mellor, e é que o Campionato do Mundo Sprint en Augas Tranquilas de Milán é a competición que máis prazas reparte para Río 2016. Despois quedará o preolímpico, xa o próximo ano, pero cunha dificultade maior e nulo marxe para o erro.
En Italia está xa o equipo español, con maioría de padexeiros galegos, para afrontar ata o domingo a competición, que tamén contará con distancias non olímpicas como os 500 e os 5.000 metros.
Entre os que se encontran con aspiracións olímpicas destaca o vilagarcián Diego Romero (Breogán do Grove) por partida dobre en canoa de 1.000 metros, no barco dobre xunto ao seu compañeiro de equipo Tono Campos. As súas opcións pasan por finalizar entre os seis primeiros clasificados, o que non será tarefa sinxela.
Tono Campos participará ademais na distancia de C-1 5.000 metros, sen o aliciente de loitar por estar en Río, ao igual que o pontevedrés Adrián Sieiro (Piragüismo Poio) no C-1 500 metros.
Iso en canto á canoa, pero no kaiak os piragüistas pontevedreses contarán con máis opcións, como a canguesa Teresa Portela no K-1 200, no que se reparten oito prazas olímpicas.
Ademais Rubén Millán (Kayak Tudense) participará no K-2 1.000 metros, onde as prazas para Brasil se reducen a seis, e o K-4 1.000 metros español co cangués Rodrigo Germade e o tudense Óscar Carrera pelexará por estar na final. Nesta última modalidade repártense 10 prazas, das que sete poderían corresponder a embarcacións europeas.
Na representación galega tamén figura a lucense Tania Fernández no K-2 1.000 (seis prazas), mentres Roi Rodríguez no K-1 500 e Ana Varela no K-4 500, ambos os dous do Kayak Tudense, buscarán o podio en distancia non olímpica.
Relacionadas:
-
Tono Campos únese á festa de Teresa Portela cunha prata mundial no C-1 5.000 metros
Por Redacción |
-
Boa xornada para o piragüismo galego en Milán, onde brilla Teresa Portela
Por Redacción |
-
Rubén Millán e Gabriel Pavón, únicos galegos que pasan á final na primeira xornada do Mundial de Milán
Por Redacción |
-
Álex Bernárdez e Adrián Sieiro fíxanse novos obxectivos internacionais
Por Diego Espiño |
-
Diego Romero logra praza para o Mundial de Milán coa vista posta nos Xogos Olímpicos
Por Redacción |
-
Tono Campos e Diego Romero, ao Mundial de Milán tras gañar o selectivo de Verducido
Por Redacción |