Álex Bernárdez e Adrián Sieiro fíxanse novos obxectivos internacionais
Por Diego Espiño
Realizaron un notable papel no recente Campionato do Mundo Júnior e sub-23 de Piragüismo, en Portugal, pero xa pensan en retos máis ambiciosos.
Álex Bernárdez, que logrou un bronce no C-4 500 júnior, e Adrián Sieiro, quinto no C-1 200 sub-23, ambos os dous pertencentes ao Piragüismo Poio, recibiron este luns unha homenaxe no Concello, no que explicaron cales serán os seus próximos retos.
No caso de Sieiro, en poucas semanas participará no Campionato do Mundo absoluto de Milán coa intención de "intentar entrar nas finais" nunha competición na que se espera "un nivel altísimo" ao tratarse dunha cita que repartirá prazas para os Xogos Olímpicos.
Ademais no horizonte planea o Europeo sub-23 do próximo mes de setembro en Romanía, no que é o seu último ano na categoría e no que espera "que pueda caer medalla" asegurou o padexeiro.
Pola súa banda Álex Bernárdez aspira a mellorar, tamén en Romanía, o sétimo posto en barco individual da última cita internacional, aínda que a data do campionato, no mes de setembro, chega "bastante tarde" na tempada, explicou.
Na recepción oficial, ademais da concelleira de Deportes Marga Caldas, estaba tamén o presidente do Piragüismo Poio, Diego González, quen aproveitou para pedir unha vez máis axuda económica para os seus deportistas, xa que en moitos casos "se autofinancian los viajes" pola falta de axuda da Federación Española.