A experiencia en División de Honra de Marina Casado, ao servizo do campus de waterpolo do Galaico
Por Diego Espiño
O Club Waterpolo Galaico Pontevedra leva dende 2007 organizando un campus de iniciación ao seu deporte, e este ano non será menos, pero decidiu bautizalo co nome da primeira xogadora galega na máxima categoría, Marina Casado.
A pontevedresa, ex-xogadora do Galaico, iniciouse no waterpolo no primeiro campus destas características para crecer ao mesmo ritmo que o waterpolo feminino en España.
Cando ela empezou "éramos tres niñas", asegura, pero agora o futuro é esperanzador con cada vez máis equipos, mesmo nas categorías femininas inferiores, algo que Marina botaba en falta durante a súa etapa de formación.
Agora, malia a súa xuventude, achegará a súa experiencia en División de Honra aos nenos que decidan participar no campus.
A iniciativa está dirixida a nenos de 8 a 11 anos e a nenas de 8 a 13 anos e celebrarase no Centro Deportivo Militar de Camplongo do 1 ao 8 de setembro, en horario de 10:00 a 12:30.
Os interesados en participar poden informarse a través do correo electrónico info@waterpolopontevedra.com.
O custo da inscrición é de 30 euros e só se pide un requisito para participar, saber nadar 50 metros sen axuda.
O campus foi presentado este xoves coa presenza da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e a deputada provincial Chelo Besada.