O Arxil renuncia definitivamente a Maimouna Diarrá
Por Redacción
Aínda que as esperanzas eran escasas, o Club Baloncesto Arxil seguía intentando reter a que foi durante a última tempada a súa xogadora máis determinante, a pívot senegalesa Maimouna Diarrá, pero a entidade pontevedresa renunciou finalmente a esta opción.
Con ofertas de equipos da máxima categoría e tamén de conxuntos estranxeiros moito máis atractivas a nivel económico, a xogadora cambiará de aires, toda vez que o Arxil confirmou que se retirou da poxa.
Diarrá xogou a pasada campaña, na que as verdes chegaron a pelexar polo ascenso, 25 partidos sumando unhas brillantes estatísticas de 18,1 puntos e 13,8 rebotes por partido e unha valoración media de 25, sendo unha das xogadoras máis determinantes da liga.
Cubrir o seu oco non será doado para o club pontevedrés, que baseaba o seu xogo no poderío da senegalesa baixo o aro, pero a directiva moveuse con rapidez para pechar a contratación da súa substituta, que espera anunciar antes de que conclúa a semana.
Trátase dunha xogadora "de moita envergadura, versátil no seu xogo, con mellor tiro e adaptada a xogar moitos partidos na tempada", segundo a define Lino Vázquez, coordinador do Arxil.
Se se confirma a fichaxe só faltaría lograr a incorporación dunha ala-pívot que cubra o oco deixado por Fallon Lewis, unha xestión que se encontra moi avanzada. Ademais o club espera unha contestación afirmativa ás ofertas de renovación formuladas a Ana Martín, Sandra Entenza,Cristina Díaz-Pache, Fany López, Aldara Vázquez e Jara Tuda, que completarían o equipo.
Relacionadas:
-
O Arxil renova a todo o seu corpo técnico
Por Redacción |
-
A portuguesa Rosinha Rosario, primeiro reforzo para o Arxil
Por Redacción |
-
Carla Fernández, cuarta renovación no Arxil para a próxima tempada
Por Redacción |
-
O Arxil dá por perdida a Diarrá e traballa xa no equipo para a próxima tempada
Por Redacción |
-
María González defenderá as cores do Arxil unha tempada máis
Por Redacción |
-
O Arxil inscríbese en Liga Feminina 2 e renuncia á posibilidade de ascenso
Por Redacción |