Inxección de 212.000 euros para o deporte local a través do IMD
Por Redacción
O Instituto Municipal de Deportes tratará, na súa próxima xunta reitora, unha modificación de crédito por valor de 249.100 euros. Ademais de cuestións do propio funcionamento do organismo, as partidas máis significativas irían destinadas á mellora das infraestruturas do municipio e especialmente á organización de diversas actividades deportivas, así como a axudas á promoción da actividade física e do deporte.
Entre todas elas, os investimentos alcanzarán os 212.000 euros.
Para diferentes actuacións no Pavillón Municipal prevense destinar 40.000 euros. Sería a subministración e colocación de balizas de sinalización nos chanzos das escaleiras, a subministración da sinalización das vías de evacuación e a subministración e instalación dun xerador de enerxía de reserva.
Outros 20.000 euros serían para a reparación da zona de acceso ao pavillón multiúsos da Xunqueira, a subministración de material combustible para a substitución da iluminación dos campos de fútbol municipais e a substitución da iluminación no pavillón da Xunqueira II.
O IMD quere aprobar ademais 52.600 euros en axudas para a promoción do deporte, sendo a maior contía para a organización das escolas deportivas municipais.
A maior partida será, non obstante, para a organización de actividades deportivas por parte de diferentes entidades. Alcanzará os 100.000 euros.
Así, daranse axudas á carreira popular de Santiaguiño do Burgo (10.000 euros), á carreira popular de Campañó (8.000 euros), ao Medio Maratón Cidade de Pontevedra (25.000 euros), ao campus de balonmán Davor Cutura (12.000 euros), ao torneo internacional Cidade de Pontevedra de balonmán (35.000 euros) ou ao torneo internacional de balonmán base (5.000 euros). Ademais, investiranse outros 5.000 euros en trofeos e medallas.
Esta modificación de crédito vai incluída na orde do día da xunta reitora do IMD que abordará a conta xeral do ano 2014, así como a proposta de aprobación do expediente para a contratación das obras de substitución de bombas de calor por caldeiras de biomasa na sala de máquinas no Pavillón Municipal, e a convocatoria para a concesión de subvencións para o desenvolvemento de actividades de iniciación deportiva durante a tempada 2015-2016.
Relacionadas:
-
O PP pide a renovación do Instituto Municipal de Deportes
Por Redacción |
-
Completan os trámites esixidos pola Xunta para ceder os terreos dos novos xulgados
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra contará cunha nova ordenanza de xestión, recadación e inspección fiscal
Por Alejandro Espiño |
-
160.000 euros para garantir a seguridade e a instalación das atraccións das festas
Por Alejandro Espiño |