Óscar Graña e Ramón Ferro, prata no Europeo de piragüismo maratón; Fiuza, bronce
Por Redacción
Dobre motivo de éxito para o piragüismo pontevedrés no campionato de Europa de piragüismo maratón que se disputou esta fin de semana na localidade de Bohinj (Eslovenia). De novo, os barcos dobres déronnos grandes alegrías. Óscar Graña e Ramón Ferro colgáronse a medalla de prata na proba de C-2; mentres que Álvaro Fernández Fiuza tamén subiu ao podio, ao finalizar terceiro en K-2.
O pontevedrés Óscar Graña, que volveu competir xunto a Ramón Ferro, mantivo as súas opcións de lograr o ouro ata os 300 últimos metros. O seu particular duelo cos húngaros Adan Dcoze e Marton Kuver foi épico. Dende o cuarto porteo dos oito que constaba a proba, ambas as dúas embarcacións superaron a todos os seus rivais.
Algúns dos prexudicados foron o grovense Tono Campos e o seu compañeiro José Manuel Sánchez, que aguantaron na cabeza ata a terceira volta. Ocuparon o quinto posto final.
A medalla de ouro xogouse tras o último xiro. Foi o momento clave. Os húngaros decidiron apostar forte e imprimiron un ritmo que os galegos non puideron seguir. A igualdade mantívose ata que os compoñentes do Kayak Tudense decidiron entrar relaxados e así non se arriscar a ningún sobresalto, asegurándose a medalla de prata. Entraron a trinta segundos dos gañadores.
Pola súa banda, Álvaro Fernández Fiuza logrou finalizar en terceira posición da proba de K-2. Fíxoo xunto ao seu compañeiro habitual, o asturiano Walter Bouzán. Ao comezo da regata formaban parte dun grupo de catro embarcacións que, dende o principio, se distanciaron do resto. Entre eles, o tudense Iván Alonso, favorito xunto a Emilio Merchán, e os húngaros Adrian Boros e Laszlo Solti.
A vitoria xogouse no último porteo. Iván Alonso e Emilio Merchán fixeron valer a súa fortaleza. Aplicaron a táctica que tantas veces lles deu bos resultados. Superaron na recta de chegada aos seus rivais -só separáronos tres décimas de segundo-, por forza física e tamén mental, demostrando un alto grao de concentración. Fernández Fiuza, que asinou unha magnífica actuación, entraba en terceira posición a tan só seis segundos do ouro.
O balance do Campionato de Europa de maratón deixa a Iván Alonso con dúas medallas, a de prata lograda o sábado en K-1 e a do domingo en K-2 xunto a Emilio Merchán, proba na que Álvaro Fernández Fiuza sumou un bronce; e tamén a prata que lograron Óscar Ferro e Ramón Graña en C-2. A actuación galega completouse coa medalla de prata de David Mosquera del Ría de Betanzos, en C-1. Manuel Garrido, do Kaiak Tudense, foi cuarto.
Relacionadas:
-
Álvaro Fernández Fiuza e Perucho únense coa esperanza de chegar a Río 2016
Por Diego Espiño |
-
Tono Campos, subcampión do Mundo de piragüismo maratón en Hungría
Por Redacción |
-
Os piragüistas pontevedreses, a polo Mundial de Maratón en Hungría
Por Redacción |
-
Álvaro Fernández Fiuza gaña o seu sexto Descenso Internacional do Sella consecutivo
Por Redacción |
-
Chuvia de medallas para os padexeiros pontevedreses no Nacional de piragüismo na pista de Verducido
Por Redacción |
-
O pontevedrés Damián González roza as medallas no Europeo de piragüismo maratón
Por Redacción |
-
Os piragüistas pontevedreses, ao asalto do Campionato de Europa de Maratón en Eslovenia
Por Redacción |
-
De Pontevedra a Eslovenia para tomar o relevo do Europeo de piragüismo maratón de 2016
Por Redacción |