Camila Alonso e Ismael López, triunfadores da V edición do Tríatlon Concello de Poio
Por Redacción & Diego Torrado
O porto de Campelo volveu vivir unha xornada deportiva de primeiro nivel. Case trescentos triatletas participaron na quinta edición do Tríatlon Concello de Poio, nas catro probas disputadas. Os principais gañadores foron Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Ismael López (Natación Ribeira) nas categorías absoluta feminina e masculina, respectivamente.
Ismael López fixo unha gran remontada na carreira a pé, ofrecendo xunto o resto dos deportistas que lograron subir o podio un final espectacular ao entrar tres deportistas en dez segundos. O deportista do Ribeira saíu da auga na quinta posición, pero perdeu un par de minutos nos vinte quilómetros de ciclismo.
A carreira a pé foi decisiva para López, quen logrou o mellor tempo e acadou así o triunfo (58:20). A segunda posición foi para Ignacio Castro (Arcade Inforhouse), moi de preto, cun tempo de 58:25, mentres que terceiro foi Francisco Cendán (Talleres David Compostela) a escasos segundos (58:30).
Na categoría feminina, a principal favorita cumpriu os prognósticos. Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) liderou a proba dende o primeiro segmento xunto a súa compañeira de club Sara Guerrero. Ambas saíron da auga xuntas e iniciaron o sector de ciclismo, pero aquí foi onde Camila marcou a diferenza e marchou en solitario cara a vitoria final.
Na carreira a pé mantivo a distancia con comodidade, mentres que por detrás houbo unha preciosa loita entre Sara Guerrero e María Martínez (Atletismo Porriño), que veu remontando dende atrás e foi a mellor neste último segmento.
Os gañadores doutras categorías son:
- Cadete: Cristina Torres (Mar de Vigo) e Antonio Souto (Cidade de Lugo Fluvial).
- Júnior: Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol) e Carlos Brión (Natación Ribeira).
- Sub 23: Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Ignacio Castro (Arcade Inforhouse).
- Veterán 1: Paloma Herbello (Arcade Inforhouse) e Iván Rubio (Tríatlon Arteixo).
- Veterán 2: Andrés López (Tríatlon Poio)
- Paratríatlon: Susana Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial).
- Clubs: GV Sports (feminino) e Arcade Inforhouse (masculino).
A competición comezou ás tres e media da tarde coa saída da proba popular, na que os participantes tiveron que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 1,6 quilómetros de carreira a pé. O resto das probas foi sobre a distancia sprint: 750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pé.