Nin a choiva, nin o frío, nin o vento poden coa San Silvestre Pontevedresa que bate record de participación
Por Ramiro Espiño
VALENTES, con maiúsculas. Así hai que cualificar os case 2.900 pontevedreses que se atreveron a desafiar aos elementos na última tarde do ano.
Nin a choiva, nin o frío, nin o vento, fieis á súa cita prevista para despedir o ano, puideron impedir que a San Silvestre pontevedresa batese o seu propio record de participantes. Foron exactamente 2.899 os deportistas deportistas inscritos no que supón un novo record de participación, moito máis meritorio se se ten en conta as circunstacias meteorolóxicas que fixeron acto de presenza, moi especialmente nos minutos previos ao comezo.
Ás cinco da tarde deuse a saída nunha avenida de Monteiro Ríos, abarrotada de público e corredores dende case unha hora antes. Ambiente festivo. Na primeira liña os atletas que saían a disputar a carreira. Logo unha enorme multitude. Impresionante o espectáculo cando cinco minutos antes aumentou, e de que xeito, a choiva e o vento. Os participantes responderon ao mal tempo con boa cara, mellor humor e cánticos.
Os catro quilómetros de que constaba o percorrido discorreron polas rúas de Marques de Riestra, Oliva, García Camba, Andrés Muruáis, praza de Galicia, Augusto García Sánchez, praza da Liberdade, Raíña Vitoria, Alameda, Doutor Enrique Marescot, Xeneral Martitegui, praza Concepción Areal, Condesa Pardo Bazán, Arcebispo Malvar, praza do Porto, Barón, Enfesta de San Telmo, cale da Ponte, praza Celso García De la Riega, praza Valentín García Escudero, Sierra, avenida de Bos Aires, Irmáns Sobriño Buhigas, Cruz Vermella, Álvaro Cunqueiro, Santa Clara, Sarmiento, praza da Verdura, Sarmiento, praza Méndez Núñez, Sarmiento, Real, praza Curros Enríquez, Soportais, Paseo Antonio Odriozola, praza da Peregrina, Michelena, Xeneral Gutiérrez Mellado, Marques de Riestra para desembocar de novo na Avenida. de Monteiro Ríos onde estaba instalada a meta.
Víctor Riobó foi o vencedor en categoría masculina e Leticia Fernández na feminina
Unha edición histórica, con case tres mil gañadores, dos que os primeiros en cruzar a liña de meta foron, por esta orde, Víctor Riobó, que repite triunfo, seguido de ÿscar Vicente e José Antonio Ramallo, mentres que o máis alto do podio en categoría feminina foi para Leticia Fernández, seguida de Águeda Blanco e María Jesús Gestido.
Detrás todo un rosario interminable de participantes, a maioría dos cales non tiñan máis obxectivo que gozar dunha despedida de ano chea de alegría, facendo deporte e lucindo nalgúns casos curiosas vestimentas, porque á fin e ao cabo tratábase máis de divertirse que de competir.
A Sociedad Gimnástica mellor club galego en 2012
Foi a mellor despedida de ano para a veterana Sociedad Gimnástica, que ao éxito organizativo da San Silvestre, une quince anos despois o recoñecemento como mellor Club de Galicia de atletismo. O seu presidente, Ramón Touza, recolleu o galardón no transcurso da Gala do Atletismo Galego celebrada en Riveira, de mans do Presidente da Federación Galega, Isidoro Hornillo.
A Gala reuniu a todo o atletismo galego, que recoñeceu os mellores do ano. Como adestrador foi homenaxeado o preparador de Jean Marie Okutu, Javier De Medrano Iglesias; en canto aos atletas, varios membros da Gimnástica recolleron un galardón por conseguir medalla nalgún Campionato de España durante 2012, a devandita distinción recaeu nos atletas Víctor Gallego, Jean Marie Okutu, Santi Ferrer, Manuel Treus, Carlos Ferrer, Cristina Estévez e Ana María Abuín.
Durante catro tempadas consecutivas, dende 1994 a 1997, a Sociedad Gimnástica conseguiu este recoñecemento, sobre todo grazas ao grande equipo feminino que había naquela época e que chegou a militar en División de Honra, cando a devandita competición a compoñían soamente nove clubs.
Podes ver máis vídeos da proba en Pontevedra para el mundo.