A Asobal, máis preto: O Teucro gústase e pasa por enriba (43-32) do Handbol Bordils
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Tres puntos separan o Teucro de la Liga Asobal despois de vencer con autoridade e mesmo máis comodidade da prevista ao Handbol Bordils, cunha primeira parte seria, na que a defensa foi a arma dos azuis, e unha segunda na que o partido se converteu nun ida e volta, sen rigor defensivo na que tamén a superioridade do conxunto pontevedrés foi clara.
Antes de comezar o partido o Teucro confirmaba a esperada noticia da vitoria do seu perseguidor, o Go Fit, na pista do último Maristas Algemesí, que reducía a tres a vantaxe de puntos dos azuis. Non se podía fallar e non o fixeron os de Quique Domínguez.
O conxunto pontevedrés saíu cunha grande intensidade defensiva en todas as súas accións, ben avalado unha vez máis por Ricardo Amérigo. Soubo secar un dos mellores artilleiros cataláns, Eduard Nono, ao que deixou en branco en todo o primeiro tempo. Nesa defensa baseou a súa superioridade.
Malia algúns erros en ataque, especialmente en accións dun contra porteiro, nos que, todo hai que dicilo, Jordi González estivo tamén sensacional, e dous lanzamentos de sete metros desperdiciados, os teucristas conseguiron abrir unha brecha de 4 goles (9-5, minuto 12) que obrigou o técnico visitante a pedir tempo morto.
Pero non sería iso o que frearía ao Teucro, que mesmo ampliou a súa vantaxe a un 11-5, cun parcial de 5-1 favorable, aos 15 minutos de partido, senón o atoamento ofensivo do equipo azul, que permitiu ao seu rival volver achegarse (11-9, minuto 21), sendo agora Quique Domínguez quen parara o partido.
Adrián Pumar e Borja Pedreira remataron coa seca, e o Teucro volveu coller as rendas do partido, poñendo unha marcha máis nas súas accións defensivas, para recuperar a máxima renda xusto antes do descanso.
Con todo, malia ser unha importante vantaxe, a sensación ao final dos primeiros 30 minutos era que o Teucro deixara escapar con vida ao conxunto catalán, ao que habería que rematar de dobregar na reanudación.
Os comezos da segunda parte foron toda unha mostra do que non se debe facer defensivamente. Quince goles nos primeiros nove minutos entre os dous equipos son boa proba diso. Do intercambio saíu beneficiado o equipo catalán, que encontrou os espazos para o lanzamento que na primeira parte non tiña.
Malia iso, a vantaxe azul nunca baixou dos catro tantos. O Teucro aceptou o corpo a corpo e na distancia curta demostrou que tamén é superior. Comezou a correr e mediada a segunda parte deixou definitivamente resolto o partido (30-23).
Os minutos que faltaban sobraron. Goles que seguían caendo en accións colectivas ou individuais. O Teucro que se gustou en ataque e dous puntos máis que deixan o ascenso a só tres.
SD TEUCRO (43): Ricardo Amérigo; García Pichel (5), David Chapela (2), Iván Fernández (5), Gonzalo Carró (4), Carlos García (7, 1 de penalti), Dani Hernández -sete inicial-, Iago Gómez (p.s.); Carlos Pombo (2, 1 de penalti), Adrián Pumar (3), Marcos Dorado (3), Víctor Rodríguez (3), Borja Pedreira (6) e Edu Moledo (3).
HANDBOL BORDILS (32): Jordi González; Esteve Ferrer (7), David Maso, David Masmiquel (2), Marc Canyigueral (9), Ignasi Moreno (2), Josep Reixach -sete inicial, Joan Comas (p.s.); Gerard Farreróns, Francesc Reixach (2), Oriol Márquez (1), Marc Combis, Eduard Nono (7, 4 de penalti) e Joan Vilanova (2).
Árbitros: Daniel Portela Fernández e Martín Rodríguez Mondelo (Galicia). Excluíron dous minutos a Gonzalo Carró (2), Borja Pedreira e Adrián Pumar, polo Teucro, e a Eduard Nono e Joan Vilanova (2), polo Handbol Bordils.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 6-4, 10-5, 11-8, 15-10, 18-12 (descanso), 22-16, 25-20, 29-23, 35-26, 38-30 e 43-32 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 1.400 espectadores.
Relacionadas:
-
Un só punto separa ao Teucro da gloria ao vencer (26-35) o Amenabar Zarautz
Por Redacción |
-
O Teucro busca en Zarautz dar un paso de xigante cara a Asobal
Por Diego Espiño |
-
Bordils, primeira final para o Teucro no seu camiño ao ascenso
Por Diego Espiño |
-
Volver encher o Municipal, obxectivo do Teucro cara ao importante partido ante o Bordils
Por Redacción |
-
Go Fit imponse ao Teucro (25-22) aprazando o alirón azul
Por Redacción |