Máis dun milleiro de ciclistas cítanse na II Ruta BTT Cidade de Pontevedra
Por Diego Espiño
A segunda Ruta BTT Cidade de Pontevedra, organizada polo Club Ciclista Farto, contará o próximo domingo 29 de marzo cunha alta participación.
Ás 9:30 horas da mañá "entre 1.000 y 1.100" ciclistas tomarán a saída dende a Avenida Monteiro Ríos para gozar dunha animada xornada de ciclismo afeccionado, confirma o presidente do club organizador, Abel Farto, o que "coincidiendo con el Domingo de Ramos es un gran logro".
No peche oficial de inscricións anotáranse 812 deportistas, pero seguiranse aceptando peticións ata o mesmo día da proba.
Os participantes afrontarán unha ruta de preto de 45 quilómetros con saída e chegada en Pontevedra e subida ao alto de Castiñeiras, aínda que con "un recorrido que cambia totalmente. El año pasado se subía por Lourizán y ahora por la zona de Vilaboa", confirma Farto.
Para iso a organización leva traballando na limpeza de camiños durante as últimas semanas, algúns deles totalmente novos, labores que finalizarán co marcado durante a xornada do sábado.
A II Ruta Cidade de Pontevedra contará ademais con diferentes actividades paralelas para ciclistas e familiares no ámbito de Praza de España e Alameda.
A recollida de dorsais poderase realizar durante as xornadas de venres e sábado en Bicicletas Farto e o mesmo domingo na zona de saída.