O Nacional de Ximnasia Rítmica, principal novidade do calendario deportivo presentado polo Concello para 2015
Por Diego Espiño
Pontevedra volverá vibrar con importantes citas deportivas durante o 2015. Así o defendeu o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, na presentación da programación de eventos deportivos para os próximos meses, que inclúen "16 eventos de rango nacional ou internacional".
Algúns deles xa se confirmaron no seu momento, como o Campionato de España de Tríatlon Sprint (xuño), o de Aquatlón (xuño) ou o Campionato Ibérico de Orientación (maio).
Outros sen embargo son novidade, como os Campionatos de España de Ximnasia Rítmica, divididos entre a competición por equipos e autonomías (entre o 25 e 28 de xuño e unha previsión de 800 deportistas) e o individual (do 2 ao 5 de xullo cunha inscrición que rozará os 1.200 participantes).
Ambas as dúas competicións celebraranse no Recinto Feiral debido á altura mínima necesaria, que non cumpre o Pavillón Municipal, traendo a Pontevedra entre outras ás integrantes do equipo nacional, campioas do Mundo en mazas.
Dentro desta programación tamén se confirma o Open de España de Taekwondo (abril), de categoría G-1, que congregará na cidade aos mellores especialistas internacionais na busca da súa clasificación para Río 2016, ou o Campionato de España Infantil de baloncesto feminino (xuño), que repite sede por segundo ano consecutivo tras solucionar o problema derivado das obras previstas na cuberta do Pavillón Municipal e que impiden a súa ocupación.
Agustín Fernández: "Vai sendo hora de que os hoteleiros da cidade arrimen o ombro un pouco máis"
Por iso os espazos que se usarán será os pavillóns de Príncipe Felipe, Universitario e Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Outras das novidades chegan no piragüismo de Augas Tranquilas, coa celebración da Copa de España de 500 e 200 metros (maio) e o Campionato de España Sénior (xullo) na pista olímpica de Pontillón do Castro, competicións que se suma o xa anunciado Nacional de Piragüismo-Maratón no río Lérez (maio), paso previo ao Europeo concedido para 2016.
Completan a lista de 16 eventos o recén celebrado Campionato de España de Natación Máster, o Torneo Internacional San Patricio de rugby (marzo), a 4 Picos Bike & Trail (abril), o Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Fútbol-7 (maio), o Torneo ITF de tenis (outubro) e o Open Internacional Cidade de Pontevedra de taekwondo (finais de outubro ou principios de novembro).
A todo isto poderían engadirse, segundo recoñeceu Agustín Fernández, un sector do Campionato de España Xuvenil de balonmán ou a posible fase de ascenso do Cisne a División de Honra Prata, ademais de eventos a nivel autonómico ou provincial que suman "99 días de competición na cidade".
Trátase, defendeu o concelleiro, dunha programación ambiciosa que espera contar cun retorno económico para a cidade de polo menos "cinco millóns de euros", aínda que para que iso sexa posible demandou unha maior colaboración dos axentes económicos de Pontevedra.
Así Fernández aludiu aos hoteleiros asegurando que "vai sendo hora de que de que arrimen o ombro un pouco máis. Sentarse a falar da posibilidade de colaborar incluso económicamente sufragando o canon dalgún dos eventos", declarou o responsable municipal de Deportes ante os medios de comunicación.
Relacionadas:
-
Habilitan a venda anticipada de entradas para os campionatos de España de ximnasia rítmica
Por Redacción |
-
Pontevedra pelexará por ser unha das sedes do Mundobasket feminino 2018
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra aspirará ao Mundial de Dúatlon de 2016 e a un 'multimundial' de catro disciplinas para 2017 ou 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Conceden a Pontevedra o Open de España de Taekwondo 2015, que reunirá a elite mundial
Por Diego Espiño |