Pontevedra, interesada en organizar por segundo ano o Campionato de España Infantil de baloncesto feminino
Por Diego Espiño
Un total de 32 equipos de toda España e preto de 2.000 persoas entre xogadoras, familiares, adestradores e árbitros. Son os números que manexou o pasado Campionato de España Infantil de baloncesto feminino celebrado en Pontevedra e principal motivo polo que a cidade de Lérez quere repetir experiencia.
Tanto o Club Baloncesto Arxil, que levou o peso organizativo xunto ao Estudiantes Pontevedra, como o Concello expresaron o pasado mes de xuño a súa intención de manterse como sede, un desexo que agora se viu reforzado coa adxudicación, por dous anos, dos campionatos infantís masculino e feminino á Federación Galega.
Así o decretou a Federación Española de Baloncesto, que fixa ademais a cita entre os días 14 e 20 de xuño de 2015.
A intención inicial era poder albergar os dous campionatos na capital da provincia, o feminino e o masculino, pero "se necesitarían al menos cinco canchas y un gran despliegue", recoñece o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.
Por iso apóstase pola competición feminina, para a que podería clasificarse de novo o equipo local. Con todo as datas poderían ser un problema por dúas razóns: a posible coincidencia co Campionato de España de Tríatlon e as obras proxectadas na cuberta do Pavillón Municipal dos Deportes, que deberían realizarse entre os meses de xuño e setembro.
O responsable local de Deportes xa concertara unha reunión coa Federación Galega esta mesma semana, pero tivo que ser aprazada pola coincidencia co Pleno Municipal. Agora espérase esa toma de contacto para coñecer o plantexamento do organismo autonómico, coñecedor do interese de Pontevedra por albergar a competición.
O pasado ano o Campionato de España Infantil Feminino disputouse nos pavillóns do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Universitario e Municipal, mentres a competición masculina tivo como sede principal a localidade de Cambados.
Relacionadas:
-
Cambados, preto de repetir como sede do Campionato de España Infantil de baloncesto
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra pelexará por ser unha das sedes do Mundobasket feminino 2018
Por Diego Espiño |
-
Estudiantes e UVE Ponce gañan os campionatos de España Infantil de Cambados e Pontevedra
Por Redacción |
-
O Arxil despídese do Nacional Infantil tras caer ante o Tuenti Móvil Estudiantes
Por Redacción |