Un Arxil soberbio en defensa esmaga (74-43) a un débil Badajoz e mantense preto do líder
Por Redacción
Serio e acertado en defensa. Así foi o Arxil que novamente da man de Maimouna Diarrá, pasou por enriba dun Badaxoz a quen dobraba en puntuación xa ao chegar ao descanso.
Nesta ocasión, a pivote senegalesa, que volveu asinar un excelente 29 de valoración, estivo ben secundada por María Lago e Fallon Lewis, malia que esta última non saíu no quinteto inicial.
Nin sequera lle fixo falta ás de Mayte Méndez recorrer ao tiro exterior, única faceta na que o equipo verde estivo desacertado, cun desolador 0 de 10 intentos triplos, pero é que as pacenses tampouco o fixeron mellor, asinando un pobre 1 de 16.
O partido xa deixou claro o que ía ser no primeiro cuarto, cun Arxil tremendamente superior ao seu rival. O 21-10 con que se pechou ese primeiro parcial anunciaba unha cómoda vitoria arxilista, como así foi. No segundo confirmouse. A defensa pontevedresa fíxose máis firme permitindo ás pacenses anotar unicamente 6 puntos.
Baixou un pouco a intensidade no terceiro, malia a que o parcial volveu anotalo o equipo local, que novamente incrementou a renda no último, malia que Mayte Méndez aproveitou o día para dar minutos ás súas xogadoras menos habituais.
CB ARXIL (74): Diarrá (21), Ana Román (11), María González (4), María Lago (13), Sandra Entenza (2) -cinco inicial- Aldara Vázquez (2), Carla Fernández (2), Jara Tuda (2), Fany López (4), Cristina Díaz-Pache, Lewis (13).
BADAJOZ BASKET (43): Patricia Zurita (11), Belén Mejías (6), Pamela Moral (10), Milhomem (8), Elena Colom (2) - cinco inicial- Ana Cabrea (2), María Cruz (2), Regina Gómez (2).
Árbitros: Daniel Pazos e Guillermo Ríos. Sen eliminadas.
Parciais: 21-10, 16-6 (37-16, descanso), 16-14 (53-30) e 21-13 (74-43, final).
Incidencias: Partido disputado no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Uns 120 espectadores.