Gómez Noya, preseleccionado como candidato ao Premio Laureus a mellor deportista de 2014
Por Redacción
O triatleta Javier Gómez Noya foi incluído na preselección de candidatos ao Premio Laureus a mellor deportista de 2014.
O ferrolano afincado en Pontevedra opta ao prestixioso galardón xunto a outros 21 deportistas, entre os que se encontran nomes como o do tamén español Marc Márquez, campión do Mundo de Moto GP, e deportistas como Cristián Ronaldo, Leo Messi, Lewis Hamilton, Rory McIlroy, Kevin Durant ou Vincenzo Nibali, entre outros.
Gómez Noya aspira así a suceder a Sebastian Vettel como gañador do Laureus e converterse no segundo español, tras Rafael Nadal, en logralo. Como apoio á súa candidatura encóntranse os seus catro campionatos do Mundo de tríatlon, o último en 2014.
A lista definitiva de nominados anunciarase o próximo 11 de febreiro, mentres a gala de entrega de premios se celebrará en Shangai o 15 de abril tras a votación dun xurado formado por 47 lendas do deporte.