Exhibición deportiva para pedir mellores instalacións en Marín
Por Redacción
Reclaman "unhas instalacións dignas onde desenvolver a nosa actividade deportiva" e non se lle ocorreu mellor forma de facelo que ensinando ao público as súas habilidades deportivas. O Piragüismo Tambo e o Club de Remo Ría de Marín protagonizaron este domingo unha orixinal protesta para reclamar mellores medios e instalacións.
Integrantes de ambos os dous clubs déronse cita ao mediodía no paseo Alcalde Blanco e fixeron unha exhibición de remo e piragüismo ao tempo que instalaron unha pancarta reivindicativa, entregaron información aos veciños sobre as súas demandas e comezaron unha recollida de firmas para sumar apoios nas súas protestas e denunciar que a falta de medios "lastra o crecemento dos clubs e condiciona o seu futuro",
Entre as súas queixas, explican que as instalacións que teñen dentro do Porto de Marín son "insuficientes para albergar o material e moito menos a todos os rapaces que forman parte dos clubs". A maneira na que as manifestaron este domingo xerou gran expectación veciñal no paseo Alcalde Blanco.
Ademais, o feito de estar dentro do Porto implica que teñen que estar sometidos á "lóxica vixilancia portuaria" e viven con restricións de acceso. Tamén atopan dificultades para o acceso ao mar das embarcacións, pois realízase nunha zona de intenso tráfico de buques, o que supón un perigo para as vulnerables embarcacións de remo e piragüismo.