Os clubs Ría de Marín e Piragüismo Tambo preparan unha xornada de protesta "por unhas instalacións dignas"
Por Redacción
Contan con instalacións dentro de Porto de Marín, pero aseguran que son "insuficientes para albergar o material e moito menos a todos os rapaces que forman parte dos clubs".
O Piragüismo Tambo e o Club de Remo Ría de Marín preparan unha xornada de protesta na que pretenden escenificar a súa realidade e reclamar "unhas instalacións dignas onde desenvolver a nosa actividade deportiva".
Así o desvelaron Alfonso Fernández e Luís Pesqueira, representantes de ambas as dúas entidades, que ademais se queixan por estar sometidos á "lóxica vixilancia portuaria" ao encontrase as súas instalacións dentro do propio porto, o que leva consigo restricións para acceder e os deixa "illados da cidade e do paseo público".
Ademais reflicten que o acceso ao mar das embarcacións se realiza nunha zona de intenso tráfico de buques, o que supón un perigo para as vulnerables embarcacións de remo e piragüismo.
Toda esta situación "lastra o crecemento dos clubs e condiciona o seu futuro", defenden ambos os dous nun comunicado.
As actividades de protesta desenvolveranse o próximo domingo 28 de decembro no paseo Alcalde Blanco da localidade marinense.