Figuras do deporte, políticos e personaxes públicos participarán no partido benéfico en favor de RedeAxuda
Por Diego Espiño
O Pavillón Municipal dos Deportes acollerá o próximo sábado 27 de decembro (11:30 horas) o II Partido Benéfico Ciudad de Pontevedra CF en favor de RedeAxuda.
Personaxes públicos, figuras do deporte e políticos confirmaron xa a súa presenza nun evento que pretende recadar alimentos e fondos para os servizos sociais.
Entre os xa confirmados encóntranse o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o exciclista ÿscar Pereiro, o actor Xulio Abonjo, Hugo (Gran Hermano 15) ou personaxes do deporte local como Fernando Castro Santos, Quique Domínguez ou Lupe Murillo.
Ademais de varios concelleiros e representantes de clubs locais trabállase na confirmación de máis personaxes públicos, e para iso "tenemos al alcalde trabajando de secretario técnico", recoñeceu César Sánchez, directivo do Ciudad de Pontevedra.
Outra das participantes será a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, que aludiu ás necesidades detectadas por RedeAxuda, por iso destinarán o recadado á compra de patacas.
A entrada será de balde pero venderase unha rifa na que se sortearán diversos premios, como camisetas asinadas polo futbolista do Sevilla Denis Suárez, o celtista Levy Madinda ou o plantel da Sociedad Deportiva Teucro.