Paga o Teucro os seus erros defensivos coa primeira derrota da tempada (41-33) en Barcelona
Por Redacción
Non puido ser esta vez. Para os supersticiosos algo terá tido que ver que sexa precisamente na xornada 13 cando o Teucro perda a súa imbatibilidade. E fíxoo fronte a un Barcelona B que se aproveitou da máis desafortunada versión defensiva ata a data do conxunto azul, precisamente unha das facetas na que os de Quique Domínguez cimentaban os seus resultados favorables.
Demasiados goles encaixados que fixeron inútil un aceptable ataque, pero no intercambio de golpes os teucristas levaron a peor parte. O filial azulgrana levou sempre a iniciativa, dende o asubío inicial, pero cando realmente fraguou a súa vitoria foi nos últimos cinco minutos do primeiro tempo, ao entrar o Teucro nunha profunda focha defensiva que lle custou encaixar un severo parcial de 5-0, que permitiu aos cataláns irse ao vestiario con seis goles de vantaxe.
Lonxe de mellorar as cousas na segunda parte, o Teucro seguiu sen lograr deter a facilidade anotadora dos locais, que ou ben encontraban posición doada de lanzamento ou conectaban co pivote en posición franca para marcar.
Malia iso, os teucristas conseguiron reducir e poñerse a só dous tantos por debaixo (24-22) no minuto 36. Pero aí rematouse a tímida reacción. O técnico catalán pediu un oportuno tempo morto e o seu equipo volveu tomar as rendas para ir despegándose de novo ata conseguir a máxima renda do partido coincidindo co resultado final.
Foi a peor versión do Teucro na pista quizais máis complicada, fronte a un Barcelona B que comezou mal a tempada pero que conseguiu endereitar o rumbo nunha clara liña ascendente.
O conxunto azul, malia a derrota, pecha o ano e afronta a paréntese dunha liga que se continuará o 17 de xaneiro como líder en solitario, con catro puntos de vantaxe sobre os seus perseguidores.
FC BARCELONA B (41): Admella, Xoan Manuel Ledo; Joan Amigo (1), Baumgartner (2), Cabello, Castro (2), Folques (1), Lancina (4), Márquez (10), Miralles (4), Oliver, Oriol Rey (1), Víctor Sáez (5), Tremps (6), Dujshebaev (5) e Gómez Abello.
SD TEUCRO (33): Ricardo Amérigo, Iago Gómez; Gonzalo Carró (2), David Chapela (5), Marcos Dorado, Borja Pedreira (1), Carlos García (6), David García Pichel (4), Dani Hernández (7), Edu Moledo (8), Adrián Pumar, Víctor Rodríguez, Iván Fernández e Carlos Pombo.
Árbitros: José Manuel Iniesta Castillo e Miguel Martín Soria Fabián (Valencia). Excluíron por dous minutos a Oriol Rey (2), polos locais, e a Carlos García, Dani Hernández e Víctor Rodríguez, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 4-3, 8-6, 11-8, 13-12, 18-15, 22-16 (descanso), 24-20, 27-23, 31-26, 34-29, 37-31 e 41-33 (final).
Incidencias: Pavillón da Ciutat Esportiva "Joan Gamper" (Sant Joan Despí-Barcelona). Uns 200 espectadores.
Relacionadas:
-
Barcelona B, último escollo do ano para un Teucro que busca a décimo terceira
Por Diego Espiño |
-
Un Teucro a medio gas bástase para dobregar (33-25) a un brando Amenabar Zarautz
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Unha máis: O Teucro imponse nun final impresionante (26-30) ao Handbol Bordils
Por Redacción |